Sanamedio, Cela e Meiro acollerán diversos actos con motivo da celebración do Día das Letras Galegas
Por Redacción
Xosé Leal, concelleiro de Cultura, presentaba este mércores a programación prevista para celebrar as Letras Galegas e a figura de Antón Fraguas este ano. Nesta ocasión, o Concello de Bueu quere dar protagonismo a lugares do rural como Sanamedio (Beluso), Cela e Meiro.
Na presentación estaban presentes integrantes de todos os colectivos que van formar parte dos eventos como a Asociación Cultural de Sanamedio, a Asociación Cultural Costumes de Cela, o grupo Pais de San Roque, a Comisión de Festas de Cela e aa Asociación Veciñal de Meiro.
SANAMEDIO
Vai celebrarse a Romaría de Sanamedio, na parroquia de Beluso, con múltiples propostas a favor da lingua e da cultura galega. Guillerme Ignacio Costa, investigador da tradición, será o encargado de ler o pregón. Actuarán o grupo folclórico Meiramar Axóuxeres (Moaña), o grupo de danzas Pais de San Roque (Cangas), o grupo de gaitas Os Liboreiros (Bueu), o grupo Retrouso (Bueu), a A.C.D Xuntanza de Randufe (Tui), as pandereteiras As Falcatrueiras (Cangas) e Os Mulos (Bueu).
Ás 13.30 horas farase unha lectura pública da biografía de Antón Fraguas e doutros autores. Tamén haberá xogos populares. A partir das 15.45 horas, o grupo Polo Correo do Vento ofrecerá unha sesión de animación infantil, que terá continuidade con actuacións musicais.
CELA
Nesta parroquia vai organizarse o 16 de maio ás 21.30 horas o 'Sons no Eirado' coa potenciación da cultura e da tradición musical galega. Ás 23 horas, actuará a banda Xangai.
O 17 de maio, a Asociación Cultural Costumes de Cela organiza no Adro de Cela ás 17.00 horas o acto de entrega dos premios do 1º Concurso de Microrrelatos e do certame de debuxos para escolares de primaria.
MEIRO
A Axencia de Lectura de Meiro acolle o 14 de maio ás 20.00 horas un coloquio de Daniel Asorey. O 18 de maio continuarán as actividades co recital poético que comezará ás 12.00 horas e contará coa intervención de Miriam Ferradáns, Ismael Ramos, Neves González e Luis Chapela.
Por último, o 25 de maio, a editora Malores Villanueva presenta o libro 'Antonio Fraguas. Mestre da Memoria'. O acto vai desenvolverse ás 12.00 horas no salón de plenos do edificio do Concello.