Unha gala con Merche, David de María, Natalia ou Karina, plato forte das Festas do Carme 2013
Por Alejandro Espiño
Marín quenta motores para celebrar, un ano máis, as festas en honor á súa patroa, a Virxe do Carme. Serán do 13 ao 16 de xullo. E o Concello de Marín preparou un amplo programa festivo que arrincará o día de San Cristóbal, "aunque habrá ya actividades los fines de semana anteriores", explicou a alcaldesa de Marín, María Ramallo. Unha axenda festiva "para todos los gustos" e na que se investiron 190.000 euros.
O prato forte destas festas será o luns 15 de xullo, a véspera do Día do Carme. Por primeira vez Marín acollerá unha gran gala con varios artistas de primeira liña. Será a partir das 22.30 horas na Praza de España. "Decidimos hacerla allí porque las necesidades del escenario, más grande y complejo, nos impedía hacerlo en el Parque Eguren", explicou a alcaldesa. "Es el espacio más abierto con el que contamos para este tipo de espectáculos".
Alí irán actuando, sucesivamente, Merche, David de María, Natalia ou Karina. Ademais, a gala completarase coa actuación de varios cómicos e unha serie de actividades. No escenario haberá unha pantalla xigante na que se proxectarán imaxes, segundo María Ramallo, ao estilo do que se fai todos os anos na Praza do Obradoiro con motivo das festas do Apóstolo.
Esta gala será de acceso gratuito, do mesmo xeito que todos os outros eventos musicais destas Festas do Carme. Como o concerto que se celebrará o sábado 13 de xullo. Destinado ao público máis novo, o Parque Eguren acollerá a actuación do grupo Pignoise. Os madrileños estarán acompañados como teloneiros por Black Dog e polo DJ Robert Ramirez, que animará a velada ata altas horas da madrugada.
O Día do Carme, o martes 16 de xullo, as festas conxugarán os actos relixiosos, como a misa e a procesión organizada pola Cofradía del Carmen, cos actos castrenses da Escola Naval, aos que a alcaldesa espera que acuda alguén da Casa Real, e coa procesión marítimo terrestre en honor á Virxe, na que participarán como cada ano centos de marinenses.
A xornada concluirá coa actuación, na Praza de España, das orquestas Gran Atlanta e Pasarela e coa tradicional tirada de lumes artificiais. O resto das actuacións das orquestas celebraranse ao longo dos demais días das festas.
Ademais, o domingo 14 de xullo terá lugar a tradicional Batalla de Flores, día elixido, di María Ramallo, "para garantizar la asistencia de los niños y de numerosas carrozas", haberá actividades deportivas durante todos estes días e se complementará cunha feira multisectorial que se celebrará na Alameda de Marín, que englobará unha serie de casetas e en cuxo marco que se organizarán numerosas actividades infantís.
O programa das festas, no que se incluirán actividades culturais que organizan diferentes asociacións de Marín, publicarase nos próximos días. Tamén se coñecerá entón o nome do pregoeiro, que xa está elixido "pero nos falta la confirmación", sinalaron desde o goberno municipal.