Igloo celebrará o Día da Música en Pontevedra, presentando "El conjunto vacío" na Sala Karma
Por Alejandro Espiño
Tralo Festival Surfing The Lérez, a Sala Karma recupera a súa programación habitual de concertos. E faino cun dos grandes nomes da escena musical galega. Igloo, que presentarán en directo o seu cuarto disco, El conjunto vacío (Ernie Records, 2013), editado hai apenas unha semana. Con este concerto, que se celebrará o venres 21 de xuño ás 22.00 horas, o cuarteto de Caldas de Reis volven a unha das súas salas fetiche.
Gravado en El laboratorio criogénico (Caldas de Reis) e mesturado en Planta Sónica 2 (Vigo) El conjunto vacío recupera, mercé ao labor na produción de Beni Ferreiro e Adolfo Langa, o brillante son de La transición de fase, enfocado agora cara a un maior dramatismo acorde coa temática das súas novas cancións pero mantendo no seu son o mellor de quen formaron parte da banda.
E é que este é un álbum importante para Igloo. Tras uns cantos cambios de formación, os galegos reafírmanse como banda. A angustia, existencial e sentimental, xunto á inevitable tensión social que sufriron nos últimos anos, son as forzas que manteñen en funcionamento os motores do cuarteto formado nesta ocasión por Beni Ferreiro, Pablo López Juan, Fran Rodríguez e Juanma Fernández.
A eles hai que sumar as colaboracións de Paco Román (Neuman), César Quero e Javier Ajenjo (Yani Como), Fer Areal e Rodri Ezequiel (the Vog), Adolfo Langa, Jorge Ortal, Iago Lorenzo e Xoán Xil. Entre todos conforman os once temas dunha obra conxunta que se estenderá no seguinte disco de Igloo, que se editará en 2014 e que estará composto por caras B e cancións que non entraron no conxunto baleiro.
O concerto de Sala Karma, un dos primeiros da xira de presentación do disco, será moi especial. Coincidirá co Día da Música, que se celebra con numerosos eventos en toda España e que ten como o obxectivo reivindicar a importancia da música dentro da industria cultural do noso país. Debido a esta efeméride, as entradas terán un prezo reducido para animar aos pontevedreses a unirse a esta xornada festiva.