Acto de homenaxe a Antonio Fraguas no IES de Cotobade
Por Oskar Viéitez
Este sábado o Instituto de Ensino Secundario de Cotobade, situado en Tenorio, celebrou un acto de homenaxe a Antonio Fraguas, a figura á que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas.
Entres as personalidades que fixeron uso da palabra figuraba a escritora Fina Casalderrey en nome da Real Academia Galega, Antón Santamarina polo Museo do Pobo Galego ou Fuco Sanxiao en nome da Fundación Antonio Fraguas. Pechou o acto Jorge Cubela como alcalde de Cerdedo-Cotobade.
A nota musical foi aportada polo dúo Oradaladou, formado por Sonsoles Penadique e Carlos Quintá, que interpretaron varios temas do seu disco "Cantigueiro de Cotobade", composto a partir das cantigas recollidas por Antonio Fraguas. Fermín é Andrés Martínez, socios fundadores dos Trazantes de Tenorio, deron remate ao acto coa interpretación do himno galego.
O acto consistiu na inauguración dun mural xigante na fachada do centro, coa imaxe de Antonio Fraguas formada por topónimos de Cotobade, para o que o centro contou coa colaboración do Concello de Cerdedo-Cotobade.
Tamén se procedeu á constitución simbólica da Sociedade da Lingua con todas as institucións, entidades e persoas asistentes e outras que xa expresaron a súa adhesión.
Catro alumnos do centro, en representación do alumnado, procederon á lectura do texto, que pretende concienciar á poboación de Cotobade e de toda Galicia sobre a diminución do uso da lingua galega nos máis novos. Ademais, o centro aproveitou para amosar algunhas das actividades que están a preparar para o Festival das Letras Galegas que se celebrará na segunda quincena de maio. Entre elas un cantar de cego cantando unha tráxica historia de amor que ocorreu en Cotobade e que Antonio Fraguas relatou a Castelao. Os alumnos tamén presentaron un audiovisual realizado no instituto que conta a influenza que tiveron os mestres na vida de Antonio Fraguas.
MUIÑEIRA
Por outra banda, dende este domingo xa está dispoñible en internet a peza "Muiñeira para Antonio Fraguas" composta por Rubén Troitiño co gallo da celebración do Día das Letras Galegas adicada a este escritor, historiador, antropólogo e etnógrafo.
Na gravación desta peza participan Os Afoutes do Canón do Pau, Os Trazantes de Tenorio, Foula e Os Abrentes de Cerdedo.
Relacionadas:
-
O dúo Oradaladou homenaxeará a Antón Fraguas en Barro
Por Redacción |
-
Un concerto de Milladoiro pechará os actos do Día das Letras Galegas en Cerdedo-Cotobade
Por Redacción |
-
A carballeira de Famelga en Cerdedo-Cotobade acollerá o pleno extraordinario da Real Academia Galega o 17 de maio
Por Redacción |