Sete Falares 'irmandará' Galicia e Latinoamérica na súa oitava edición en Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Pontevedra volverá converterse o próximo mes de xuño no escenario dun dos principais encontros de narradores que se celebran no noroeste peninsular. A cidade acollerá entre os días 6 e 9 de xuño a oitava edición de Sete Falares.
Nesta ocasión, ademais, o certame organizado por Pavís Pavós servirá como unha especie de 'irmandamento' entre a tradición oral galega e a narración latinoamericana con artistas chegados a Pontevedra desde ambas as beiras do Atlántico.
Así, os grandes atractivos desta nova edición de Sete Falares chegarán de países americanos. Por unha banda, a escritora e investigadora brasileira Támara Bezerra e, por outro, a ecuatoriana Ángela Arboleda, especializada en contos e tradicións orais do seu país.
Ambas protagonizarán unha velada conxunta no Teatro Principal (venres 7, 20.30 horas) e estarán por separado no CITA (sábado 8, 12.00 horas) e nas Ruínas de Santo Domingo (sábado 8, 18.00 horas), respectivamente.
A elas sumarase a colombiana Carolina Rueda, unha das grandes voces da narración oral latinoamericana, que acaba de cumprir tres décadas como 'cuentera' e transmisora das historias tradicionais do seu continente. O seu recital será na Praza de Santa María (sábado 8, 20.00 horas)
Xunto a elas estarán os narradores galegos Cándido Pazó, que protagonizará o espectáculo inaugural no Principal (xoves 6, 20.30 horas) e Xurxo Souto, que actuará en solitario no CITA o último día do certame (domingo 9, 18.00 horas). Os dous tamén acompañarán a Carolina Rueda nas Ruínas de Santo Domingo (venres 7, 22.30 horas).
Os cinco narradores convidados a Sete Falares estarán xuntos, como é tradicional, no Roteiro das Historias, que percorrerá a cidade de Pontevedra o sábado 8, a partir das dez da noite; e tamén na sesión de clausura que se celebrará como sempre no Teatro Principal (domingo 9, 21.00 horas).
Todos os espectáculos de Sete Falares serán para un público adulto, fóra da proposta infantil e familiar que os organizadores, Pavís Pavós, ofrecerán no CITA o xoves 7 de xuño ás seis da tarde.
Relacionadas:
-
Acompáñasme de ruta polo casco histórico? Vouche contar unha historia
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Cándido Pazó abre os Sete Falares máis larapeteiros
Por Redacción |
-
Catro días, sete falares e unha cesta grande de historias
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Unha sesión con todos os narradores pon fin á sétima edición de Sete Falares
Por Redacción |
-
A choiva leva a Quico Cadaval a contar as historias inaugurais de Sete Falares no Museo
Por Redacción & Mónica Patxot |