O Museo publica un catálogo coa ampla obra realizada por Carlos Maside en Combarro en 1952
Por Redacción
313 creacións con 103 pinturas e 210 debuxos de Carlos Maside. Estas destacables cifras dan contido ao catálogo que publicou o Museo de Pontevedra baixo o título 'Carlos Maside en Combarro, 1952. Bosquexos, debuxos e acuarelas'. Trátase dunha obra documental que o deputado de Cultura, Xosé Leal, cualifica de "reliquia". Este mércores realizábase a presentación deste traballo no Museo de Pontevedra.
Neste traballo recóllense máis obras das que se mostran, durante estas semanas, na sala de exposicións do Museo, ademais conta con textos das persoas que traballaron na investigación do artista, Rafael Vallejo, María Esther Rodríguez e Andrés Dacosta.
Rafael Vallejo indicaba nesta presentación que a obra mantén un criterio didáctico e un percorrido físico por Combarro en dirección de leste a oeste. As obras que se suman neste traballo ofrecen, segundo o investigador, información para entender con detalle a Galicia popular e humilde de mediados do século XX.
María Esther Rodríguez, comisaria da exposición e coautora do catálogo, lembraba que Carlos Maside era un represaliado político, un home enfermo que padecía diabetes e un home vulnerable que, con todo, non era débil porque tiña uns principios inquebrantables. Engadiu que o pintor sería feliz revisando o catálogo porque nel se ofrece o máis íntimo, que nunca chegou a expoñer salvo no caso dos retratos da rapaza e a peixeira.
A exposición sobre Maside continúa aberta no Museo de Pontevedra ata o 16 de xuño.