O Surfing the Lérez, dous días de música e ambiente familiar na beira do río
Por Alejandro Espiño
Consolidar a sesión do venres. É o obxectivo que se marca o Surfing the Lérez na súa novena edición. O festival presentou este xoves o cartel dun evento que volverá converter a Illa das Esculturas nun espazo de convivencia artístico-musical. Será os días 21 e 22 de xuño e servirá, un ano máis, de arranque ás Festas de Verán de Pontevedra.
A organización confiou en Heredeiros da Crus, unha das grandes bandas de música galega, como cabeza de cartel da primeira xornada do festival, o venres 21. Estarán acompañados do pontevedreses Fondo Norte e Malkeda, o pop tropical de Selvática e por nenos e nenas da escola de rock de Paredes de Coura (Portugal).
O sábado, pola súa banda, será o día grande do festival. A oferta musical, entre as doce do mediodía e as doce da noite, comezará coa banda pontevedresa Mushu e contará co indie dos vigueses Basanta ou os concertos de Santi Araujo e Tony Lomba, que virá acompañado do seu inseparable Eladio Santos.
O garage punk dos neozelandeses Labretta Suede & The Motel Six, o rock dos veteranos Sex Museum e dos galegos Holywater e The Lelli' s Kellys, a música electrónica de Rayotaser, a cumbia e os ritmos latinos de Ortiga, o rock clásico de Anaut ou o garage-blues de Thee Blind Crows tamén soarán nos dous escenarios do festival.
O Surfing the Lérez poñerá o seu broche de ouro co pop-rock de Familia Caamagno, que prometen un gran espectáculo de música, luces e lume que, segundo o director do festival, Marcos Rivas, será "moi divertido".
Un terceiro escenario ofrecerá as actuacións dos músicos máis novos, onde haberá "moito rock" cuns douscentos nenos e nenas coordinados pola Escola Bonobo sobre o escenario. Xa pola noite, o seu espazo ocuparao unha zona DJ con tres artistas da casa, Charlie DJ, Iván Fiuza e Malaguita "cada un co seu propio estilo", segundo Marcos Rivas.
O festival contará ademais con food-trucks, un mercadiño de novos creadores e unha zona de atraccións feitas en madeira, para que os máis pequenos "gocen con xogos antigos e sustentables" como un carrusel accionado a través de pedais.
Un ano máis, o Surfing the Lérez terá a súa vertente máis solidaria coa recollida de alimentos que achegarán os asistentes de maneira desinteresada, a modo de entrada ao festival. Todas estas doazóns serán entregadas aos servizos sociais, a través de Rede Axuda.