Feijóo reivindica o legado de Fraguas fronte os que usan o galego para "disgregar e sementar a discordia"
Ata Cerdedo-Cotobade desprazouse este ano a Xunta de Galicia para celebrar o acto institucional polo Día das Letras Galegas. Fíxoo para contribuír á homenaxe que, en todos os recunchos do país, réndese este venres a Antonio Fraguas.
Nun acto no que participaron familiares, amigos e veciños do autor, o presidente da Xunta reivindicou a "cohesión" que provoca en todos os galegos o espazo "común" creado polo legado deste cotobadés.
"Celebramos a Antonio Fraguas porque o merece dabondo e pensando tamén nun tempo ameazado polas rupturas e necesitado de tantas pontes", sinalou Núñez Feijóo na súa intervención na Praza da Chan, ante a casa do concello do municipio.
Ao redor do traballo do autor, engadiu, "pódense dar a man galegos de toda condición e galegos de toda crenza".
O presidente galego lembrou que as linguas "unen e cohesionan" aos cidadáns porque establecen un "código común" que, ao seu xuízo, "non é soamente léxico" como demostrou un Antonio Faguas que "nunca perdeu a curiosidade propia do neno labrego" e que "descubriu o mundo" na natureza e na "humanidade" dos seus veciños.
Esa vinculación coa Galicia rural é a que, segundo Núñez Feijóo, fixo que o traballo cultural, etnográfico, antropolóxico, xeográfico ou histórico de Fraguas "estea lonxe de tecnicismos ou de teoricismos" e que está "impregnado" de amor "polos seus e polo seu".
O titular do goberno autonómico defendeu que o galego é "unha casa que habitamos todos" e que está "ben coidada" polos "caseiros" como Fraguas, que se preocuparon de facer dela un recinto "acolledor, luminoso e aberto", converténdoo nun dos "vínculos máis fortes" de Galicia que non debe ser visto como un "obstáculo".
Fronte a este espazo común, Feijóo sinalou que as linguas como o galego "non están á marxe" daqueles que de maneira "mal sa" tratan de utilizalo para "disgregar e sementar a discordia" e que ven na promoción do idioma propio de Galicia "unha especie de anomalía ou, polo menos, algo superfluo".
Ao acto institucional da Xunta polo Día das Letras Galega acudiron, entre outros, familiares de Antón Fraguas, o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices; ou a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba.
Relacionadas:
-
Unha alfombra floral recorda en Pontevedra a Antonio Fraguas no Día das Letras Galegas
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
As letras galegas louvan o traballo de Antonio Fraguas na recuperación da memoria colectiva
Por Alejandro Espiño |
-
Presentan un documental e un vídeoclip sobre a figura de Antonio Fraguas
Por Anxo Lourido |
-
Letras Galegas 2019: Antonio Fraguas, o home que contribuíu a dignificar o galego
Por Redacción |