Os libros en galego reclaman o seu espazo no Día das Letras Galegas
Por Redacción
As Letras Galegas están de festa e que mellor maneira para celebralo que saír á rúa para buscar novos lectores. Ese foi o espírito da xornada que protagonizaron dez librerías da cidade de Pontevedra.
Todas elas instalaron postos de venda nos Soportais da Ferrería en horario matinal e vespertino. Foron moitas as persoas que se achegaron a coñecer as últimas novidades do mercado literario galego.
Participaron nesta actividade, organizada polo Concello, as librerías Aviones de Papel, Clip, D-lectum, El Pueblo, Escolma, Espazo Lector Nobel, La Nube de Papel, Luna Nueva, Paz e Seijas.
Ademais, varios escritores, todos con obra recentemente publicada, estiveron asinando libros. Foron Pedro Feijóo, Iria Collazo, Arantza Portabales e Ledicia Costas.
Estas dúas últimas, que acaban de publicar as súas novelas Beleza vermella e Infamia respectivamente, destacaron que iniciativas como esta contribúen a "acabar con que as Letras Galegas sexan esa ponte que aproveitan os galegos para viaxar" e que se aproximen aos libros como pasa en Cataluña con Sant Jordi, "unha festa que vemos con moita envexa".