Unha alfombra floral recorda en Pontevedra a Antonio Fraguas no Día das Letras Galegas
Pontevedra volveu a conmemorar, un ano máis, o Día das Letras Galegas. E fíxoo cun acto cívico, celebrado nunha praza de Curros Enríquez decorada para a ocasión cunha colorida alfombra de flores elaborada pola Asociación Sociocultural O Burgo.
A alfombra coa imaxe de Antonio Fraguas, o autor homenaxeado este ano, foi elaborada durante todo o día por voluntarios da asociación.
O acto, no que participaron representantes da vida cultural, social e política de Pontevedra, incluíu a actuación dun grupo de gaitas, un pequeno recital de poemas e contos e un concerto da Banda de Música de Pontevedra.
Na súa intervención, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, destacou que os galegos celebran este día a "alegría de mostrar ao mundo con fachenda ou florido panorama da nosa lingua nos eidos da creatividade e a literatura".
Fernández Lores reivindicou ao idioma galego como a "máxima seña" da identidade de Galicia e alertou do "escaso éxito" dunhas políticas lingüísticas que "deberían estar a gañar falantes e abrindo novos horizontes de uso dentro deste país descabezado, pero en realidade o que acontece é que o idioma está en franca regresión".
Galicia, dixo o alcalde, ten que estar "enormemente agradecida" a intelectuais da "enorme dimensión" de Antonio Fraguas, "que souberon nos tempos escuros facer o imprescindible para que non afogase o que nos define como nación".
Relacionadas:
-
Feijóo reivindica o legado de Fraguas fronte os que usan o galego para "disgregar e sementar a discordia"
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
As letras galegas louvan o traballo de Antonio Fraguas na recuperación da memoria colectiva
Por Alejandro Espiño |
-
Letras Galegas 2019: Antonio Fraguas, o home que contribuíu a dignificar o galego
Por Redacción |