Moncho Borrajo inclúe Pontevedra na xira de "Yo, Quevedo", o seu novo espectáculo
Por Alejandro Espiño
Despois de corenta anos sobre os escenarios, Moncho Borrajo, un dos actores cómicos máis recoñecidos deste país, dá unha volta máis de torca aos seus espectáculos. Faio con Yo, Quevedo, a súa nova montaxe teatral. A estrea será en Madrid o próximo mes de xullo, pero incluíu a Pontevedra na xira que emprenderá por todo o país. En concreto, actuará no Centro Social Novacaixagalicia o 16 de novembro ás 21.00 horas.
Logo do seu anterior espectáculo, Golfus Hispánicus, agora preséntanos un encontro con Francisco de Quevedo, o gran protagonista do Século de Ouro español. Nunha tolemia de versos de antes e de agora, Moncho Borrajo é e non é Quevedo, depende do momento e da persoa que lle visita ou lle atende no escenario, ben sexa unha enfermeira, un monxe ou unha cortesá teatreira.
O público poderá gozar da escatoloxía máis "quevediana" e do enxeño da improvisación ao máis puro estilo do Século de Ouro español. Unha proposta na que hai que deixarse sorprender. Moncho Borrajo intentarao en todas e cada unha das súas funcións como sempre o fixo durante estes anos, nos que o público referendoulle día a día cos seus aplausos.
Nesta nova produción teatral, Moncho Borrajo rodeouse ademais de grandes profesionais, entre eles Carlos Latre, recoñecido actor e humorista, que participa nesta comedia poñendo as voces de numerosos personaxes. A eles hai que sumar unha coidada posta en escena, na que participaron algúns dos máis prestixiosos nomes no deseño do vestuario, iluminación e escenografía ou a música orixinal, composta e gravada para esta función.
As entradas para asistir á representación de Yo, Quevedo en Pontevedra xa se poden adquirir, a un prezo de 20 euros, a través de www.sernivova.com ou da billeteira telefónica, chamado ao teléfono 902 504 500.