As ruínas de San Domingos pechan para tratar unha fenda na parede do instituto Valle Inclán
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
As ruínas de San Domingos atópanse pechadas desde este luns e prohíbese o acceso a visitas debido ao inicio dos traballos de revisión da fachada oeste deste espazo, que linda co instituto Valle Inclán.
Estes traballos estaban previstos despois da aparición dunha fenda detectada este mesmo ano nesa zona. A brecha interior ofrecía unha apertura de varios milímetros, pero sen afectar á actividade habitual de visitas a este espazo, que pertence á Deputación de Pontevedra.
Ao longo da xornada deste luns, os operarios da empresa co emprego dun guindastre comprobaron a evolución da fendedura e foi necesario desprender algúns fragmentos da cuberta da parede, co obxectivo de acometer os traballos que proporcionen máis estabilidade.
Ata as ruínas se achegaron tamén técnicos da Xunta de Galicia, como administración responsable do instituto. Desde a Deputación de Pontevedra se indicaba que, polo dagora, se descoñece cando rematarán estes traballos e se retomarán as visitas ás instalacións.