Os novos discos de Marlango, Dorian e Marwan soarán no Náutico do Grove en agosto
Por Alejandro Espiño
O Náutico do Grove segue deseñando unha intensa programación musical para este verán. Aos nomes xa coñecidos de Coque Malla e Juan Perro, súmanse outra tres referentes da música española: Marlango, Dorian e Marwan. Todos eles visitarán Galicia en agosto.
Marlango, a banda liderada pola actriz Leonor Watling, regresará a San Vicente do Mar por segundo ano consecutivo. Presentará en directo o seu novo disco, Technicolor, o luns 5 de agosto ás oito da tarde.
Neste disco, Marlango homenaxea a grandes bandas sonoras do cinema cun estilo similar ás cancións das longametraxes. Con el, dan un paso máis nunha traxectoria que sorprende con cada disco, cun estilo que varía do jazz ao folk ou ao pop.
A quenda de Dorian chegará o venres 23 de agosto, ás oito da tarde. A banda catalá fará bailar ao público cos temas do seu último disco, Justicia universal.
Habituais cabezas de cartel de gran parte dos festivais nacionais, Dorian tamén interpretará os grandes temas da súa exitosa carreira na que mesturan influencias de synth pop e unha forma nova de new romantic coas hechuras dunha banda de rock.
Dous días despois, o domingo 25 de agosto, Marwan subirá ao escenario do Náutico. Será, igual que o resto de concertos, ás oito da tarde.
A actuación, enmarcada na xira de presentación do disco Mis Paisajes, será unha das últimas oportunidades para gozar en directo dos temas incluídos neste novo traballo e, ademais, o artista repasase os seus temas máis coñecidos.
As entradas para estes tres concertos xa están á venda.