Catro días, sete falares e unha cesta grande de historias
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Este xoves 6, ás 20.30 horas comezará unha nova edición de Sete Falares, o encontro internacional de contadores de historias que chega xa a súa oitava convocatoria.
O escritor, narrador oral, actor e director teatral Cándido Pazó será o encargado de inaugurar esta cita no Teatro Principal. O venres 7, ás 18.00 horas, no Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA) chegará a única intervención para público familiar previsto neste evento a través da compañía organizadora Pavís Pavós. Tareixa Alonso, integrante desta agrupación pontevedresa e a concelleira de Cultura, Carmen Fouces presentaban esta iniciativa no Concello de Pontevedra.
Xunto a Cándido Pazó e Pavís Pavós tamén están invitados para contar as súas historias: Támara Bezerra, unha das principais narradoras de Brasil; Ángela Arboleda, a contadora ecuatoriana que decidiu un día que traballar e ser feliz teñen que ser sinónimos e Carolina Rueda, referente colombiana na narración mundial. Tamén se suma a este elenco Xurxo Souto, o principal promotor do movemento bravú que participará contando relatos marinos.
Entre as actividades está prevista unha Ruta de Historias durante a noite do sábado 8 a través de catro grupos de sesenta persoas van realizarse roteiros por lugares emblemáticos do centro histórico. Para participar nesta actividade é necesario recoller invitacións a partir das 21.30 horas na billeiteira do Teatro Principal.
Todas as sesións son de balde, agás o acto de clausura o domingo 9 ás 21.00 horas no Teatro Principal. Nesta actuación intervirán todos os narradores participantes e a entrada terá un prezo de 3 euros. As persoas desempregadas poderán acceder sen pagar.
Toda a programación pode consultarse na páxina web de Sete Falares.