A Festa do Albariño trae a Luz Casal, Christina Rosenvinge e o concerto de pago dun grupo internacional sen desvelar
Por Oskar Viéitez
O concelleiro de Cultura en funcións do Concello de Cambados, Víctor Caamaño, informou en rolda de prensa da programación de concertos da próxima edición da Festa do Albariño que inclúe as actuacións de Luz Casal, Christina Rosenvinge e o concerto de pago dun grupo internacional sen desvelar.
A primeira das actuacións terá lugar o mércores 31 de xullo na praza de Fefiñáns da man de Treixadura. Ao día seguinte, subirán ao escenario a madrileña Christina Rosenvinge e a cantautora chilena Javiera Mena. O concerto de Luz Casal será o venres 2 de agosto.
O concelleiro de Cultura non puido desvelar a actuación do sábado porque aínda está pendente de asinar o contrato. Tan só puido avanzar que se trata dun grupo de "estilo indie", de "talla internacional", xa se barallou en anos anteriores para actuar en Fefiñáns e que protagonizará o único concerto de pago.
O domingo actuará a Banda de Castrelo con algún artista invitado.