A inclusión, retratada en fotos de persoas con TEA xunto a recoñecidas figuras galegas
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
17 conversacións entre unha figura recoñecida publicamente e persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA) foron fotografadas por Esteban Delaiglesia e Manu Suárez, dous artistas que agora presentan unha exposición con estas imaxes no Café Moderno de Afundación.
Baixo o título de 'Como me presento?', personaxes como o actor Luís Tosar, a cantante Sés, o científico Anxo Carracedo, o cociñeiro Pepe Solla ou a escritora Ledicia Costas, entre outros, aparecen retratados en compañía destas persoas con TEA nun xogo no que os autores buscaban transmitir a verdade desas entrevistas persoais.
Este mércores presentábase esta mostra, comisariada por Monse Cea, na que se busca dar visibilidade á identidade social das persoas con diversidade funcional e fomentar a inclusión..
Durante a presentación, os dous fotógrafos recoñeceron que os encontros se habían caracterizado pola comunicación e a empatía xerando conexión entre as dúas persoas. Segundo Manu Suárez, resultou moi fácil tirar esa parede inicial que se xera nestas situacións de intimidade. Ambos sinalaron que todo fluíu de maneira natural.
A mostra, que permanecerá aberta ata o 13 de xullo, ofrece fotografías en distintos formatos nas que se observa todo un proceso de creación cos protagonistas retratándose entre si ou baixo unha mirada cómplice.