Sabe a cidadanía de Pontevedra o que lle debe aos reis de Galicia, Fernando II e dona Urraca?
Por Redacción
Pontevedra celebrará en decembro deste 2019 os 850 anos do seu nacemento. En 1169, os reis de Galicia, Fernando II e dona Urraca, concedían a carta foral que permitíu a constitución da urbe.
Este mércores presentábase no Concello de Pontevedra o libro 'Estudos sobre o Foro de Pontevedra', coordinado por Xosé Abilleira, onde doce estudosos analizan ese texto, as conexións con outras cidades de esplendor medieval nesa época, o papel do rei e da raíña, a relación coa lingua ou a cartografía europea e árabe.
Carmen Fouces, concelleira de Cultura, indicaba que esta publicación será o agasallo para os 25 concelleiros que formarán parte da nova corporación a partir do vindeiro sábado. Sinalou que "se non temos claras as orixes, non podemos mirar cara o futuro".
A representante municipal explicou que esta publicación é o primeiro dos actos que se van desenvolver con motivo deste aniversario. Apuntou, ademais, que a reforma da Ponte do Burgo e da rúa do Gorgullón incorpórase na recuperación tanto da principal vía de comunicación entre o norte e o resto da cidade como do Camiño de Santiago.
O Foro de Pontevedra é o documento que concedía privilexios aos vasalos locais e que vai sentar as bases da que será a vila medieval de Pontevedra. Ana Acuña, Alberte Lago, Anselmo López Carreira e Francisco Calo Lourido achegábanse a esta presentación dun libro no que tamén participan Mercedes López Mayán, Francisco Rodríguez Sánchez, Cilia Torna, Silvia Cernadas Martínez, Miguel García Fernández, Marina Aurora Garzón Fernández e Ricardo Pichel Gotérrez.
Xosé Abilleira indicou que a obra ten como principal obxectivo facer unha "monografía plural" para transcender ao localismo e crear unha peza seria no ámbito historiográfico.