Cerponzóns 'ponse a mil' cun libro e un documental sobre a súa historia
Un documental rodado por Pablo Cacheda e un libro escrito por Rodrigo Cota e o seu fillo. Cerponzóns dá un paso máis na celebración do seu milenio cunha peza audiovisual e un proxecto editorial que repasa a historia desta parroquia.
Ambas as iniciativas forman parte da ampla programación que Cerponzóns, co impulso da asociación de veciños O Chedeiro, puxo en marcha este 2019 para conmemorar os mil anos do primeiro documento que, de maneira oficial, fai referencia á parroquia.
Cerponzóns, referido como "Serpentiones", aparece por primeira vez nun inventario da diócese de Santiago, datado o 30 de marzo de 1019. Esa é a data elixida para esta conmemoración, pero a súa historia remóntase a máis atrás.
O escritor Rodrigo Cota, coautor de 1.000 anos de historia en Cerponzóns, lembrou que na parroquia hai rastros de petróglifos e da pegada que romanos e celtas deixaron na zona, co paso da vía romana XIX e os restos dun castro que aínda se conserva.
O seu libro, explicou, é un traballo "colectivo" que recolle o traballo de investigadores que estudaron as orixes ou os elementos patrimoniais da parroquia e os contextualiza incorporando " moitas historias persoais" xurdidas de conversacións cos veciños.
O libro será presentado o vindeiro venres 28 de xuño, ás 21.00 horas, no centro social de Cerponzóns. A entrada é libre e cada asistente levará un exemplar.
Pola súa banda, o Teatro Principal acollerá este xoves 20 de xuño, ás nove da noite, a estrea do documental Cerponzóns a mil, un traballo de 41 minutos que recolle as gravacións e entrevistas que o realizador Pablo Cacheda realizou durante catro días a máis de corenta veciños e veciñas de Cerponzóns.
Trátase dun documental "en forma de conversas cos veciños" e que, segundo Cacheda, serviu como "escusa" para que os paisanos de Cerponzóns "falasen entre eles", o que derivou en situacións "moi divertidas" e momentos "emotivos" que se recollen neste traballo.
A celebración dos mil anos de Cerponzóns, que se iniciou ao comezo do ano, incluíu entre outras actividades conferencias mensuais e roteiros especializados. O secretario da asociación O Chedeiro avanzou que, ao longo dos próximos meses, organizaranse moitos máis actos de conmemoración destas importante efemérides.
Relacionadas:
-
VÍDEO.- Cerponzóns celebra o seu 1001 aniversario con felicitacións desde o confinamento
Por Redacción |
-
Cerponzóns terá unha réplica do miliario de Magnencio
Por Oskar Viéitez |
-
O milenio de Cerponzóns refléxase no seu Corpus
Por Redacción |
-
Repoñen os cruceiros de Mogos e A Chantiña para celebrar o miliario de Cerponzóns
Por Olaya Madrigal |
-
Cerponzóns presenta o seu programa cultural con motivo da celebración do seu milenio
Por Oskar Viéitez |