Judith Hill, José James, Joey De Francesco e Gabriel Peso, estrelas do Festival Internacional de Jazz e Blues
Por Alejandro Espiño
A presentación das Festas de Verán deixaron unha confirmación colateral, os concertos que formarán parte da XVII edición do Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra, que se celebrará entre os días 23 e 28 de xullo.
Segundo recolle o programa das festas, que comezará a repartirse o vindeiro luns, os estadounidenses Judith Hill, José James e Joey De Francesco e o pontevedrés Gabriel Peso serán as grandes estrelas do festival.
Como é habitual, haberá dous escenarios: a praza do Teucro, onde arrancará o festival; e A Ferrería, praza na que actuarán os catro artistas antes mencionados.
A banda Mr. River será a encargada, o martes 23 de xullo, de abrir a oferta musical do Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra. Trátase dunha banda pontevedresa, liderada por Miguel del Río, que fusiona jazz, rock, blues, flamenco, funk e música tradicional galega e que está influenciada por grandes músicos internacionais.
Álvaro del Valle, chegado desde Madrid, subirá ao escenario do Teucro o mércores 24. Guitarrista de jazz e música moderna, formou parte de numerosas bandas de jazz, música electrónica, soul ou rock. Estará acompañado de tres dos músicos galegos máis talentosos: o saxofonista Fernando Sánchez, o contrabaixista Pablo Patiño e o batería David Puime.
Con Joey De Francesco o festival saltará á Praza da Ferrería. Nado e criado en Minnesota (Estados Unidos), é un magnífico organista, trompetista e vocalista de jazz cunha prolífica traxectoria e máis de corenta discos editados. Actuará en Pontevedra o 25 de xullo en formato trío xunto ao saxofonista Troy Roberts e o batería Khary Abdul Shaheed.
De Estados Unidos, no seu caso desde Los Ángeles, chegará o venres 26 de xullo a compositora e pianista Judith Hill, que comezou a súa carreira colaborando con artistas da talla de Michael Jackson e Prince. A crítica destaca dela a súa conmovedora voz e móvese comodamente entre o R&B, o jazz e o góspel, aínda que explorou o funk e o hip- hop.
Un vello coñecido do festival, José James, é a aposta para o sábado 27. É a segunda vez que este vocalista estadounidense actúa en Pontevedra. Membro dunha innovadora vangarda que combina nas súas actuacións o jazz e a poesía, chega a Pontevedra co seu último disco, Lean on Me, unha homenaxe ás composicións de Bill Withers.
O festival terminará co pianista pontevedrés Gabriel Peso, que actuará na Ferrería o domingo 28 de xullo. Actualmente o trío que lidera está formado por David Ruíz ao contrabaixo e Miguel Asensio á batería, con quen acaba de gravar o seu segundo disco, Travesía.
Ademais, como é habitual, á programación musical do festival sumaranse numerosas actividades paralelas como sesións de jazz na rúa e diferentes talleres.
Relacionadas:
-
Os pontevedreses Mr. River suben o pano do Festival de Jazz e Blues de Pontevedra
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
RADIO.- Escoita co Cara a cara aos artistas do Festival Internacional de Jazz e Blues
Por Marisa Ciordia |
-
O jazz e o blues serán a banda sonora da cidade entre o 23 e o 28 de xullo
Por Manu Otero |
-
As festas do verán xa están aquí: 'Sons na Rúa' abre dous meses de festa Non Stop
Por Cristina Saiz & Redacción |
-
Pontevedra, preparada para tres meses de festa "intensiva"
Por Alejandro Espiño |
-
Manuel Jabois será o pregoeiro das Festas da Peregrina
Por Alejandro Espiño |
-
As 'Peregrinas' completan cartel con Ana Belén, Lola Índigo, Tequila ou Furious Monkey House
Por Alejandro Espiño |
-
Rozalén, Beret e Iván Ferreiro actuarán nas Festas da Peregrina
Por Alejandro Espiño |