Os Trazantes celebran o seu 35 aniversario cunha nova mostra de música e baile tradicional
Por Redacción
Os Trazantes de Tenorio veñen de presentar os actos do seu 35 aniversario, que incluirá a décima edición da Mostra de Música e Baile Tradicional, que se celebrará neste mes de xullo.
Foi durante un acto na ponte colgante de Calvelo, que contou coa presenza dunha representación desta agrupación cultural e do alcalde, Jorge Cubela.
Os Trazantes, un dos grupos tradicionais máis lonxevos e prestixiosos da provincia de Pontevedra, queren conferir este ano un aire especial a todas as súas actividades con motivo do seu aniversario tras a súa fundación en 1984.
Por iso, a súa Mostra de Música e Baile Tradicional pechou un gran cartel para o vindeiro 20 de xullo, que contempla as actuacións da formación portuguesa Ceifeiras Campinos, a Asociación Cultural Seixos Albos, Xacarandaina, As Cantigas de Elena e Son das Tabernas.
Este espectáculo comezará ás 19.30 horas no adro de Tenorio e contará con servizo de bar e unha pulpeira. Ademais, durante o mesmo renderase unha homenaxe especial ao Fillo Predilecto de Cerdedo-Cotobade Antonio Fraguas, que é o persoeiro central das Letras Galegas 2019, polo seu compromiso e gran traballo de difusión da cultura do país.
Durante a presentación, Cubela quixo dar os parabéns a Os Trazantes pola súa longa traxectoria, polo seu inxente traballo a prol das nosas tradicións musicais e polo seu esforzo para dar a coñecer a esta terra como un referente cultural de Galicia.