Sés encabeza o cartel do CanteiraFest na súa segunda edición
Por Redacción
A Asemblea da Mocidade de Vilaboa presentou este martes o cartel completo da que será segunda edición do CanteiraFest.
Este festival musical celebrarase os días 20 e 21 de setembro na canteira de Paredes, en Vilaboa, dedicado nesta ocasión ás mulleres do mar e con maioría de presenza feminina entre a nómina de artistas (un 80%).
María Xosé Silvar 'Sés' encabeza un cartel que completan: As Punkereteiras, Vudú, Pelepau, TNT, Os Meninos, Paula Docampo, Collón de Lola, Flow do Toxo, A banda da Loba, Sheila Patricia e Señora DJ.
O CanteiraFest naceu no ano 2018 coa intención de fomentar a cultura galega e o feminismo no municipio, e mantense fiel ao seu estilo con propostas para toda a familia paralelas aos concertos. Así, o festival contará cun espazo propio para os máis pequenos, con actuacións propias, habilitaranse exposicións de pintura de diversos artistas e haberá unha exhibición de pintura urbana.
En paralelo ademais produciranse tres coloquios sobre a situación da muller na cultura galega, sobre o papel feminino no desenvolvemento rural e sobre a "3ª onda feminista".
Como homenaxe as mariscadoras e as mulleres do mar, proxectarase o documental 'Doli, doli, doli e as conserveiras', e decorarase todo o festival con motivos do mar.
Ademais de acampada vixiada no pavillón municipal, a segunda edición do CanteiraFest contará con servizo de autobuses desde Pontevedra e Vigo.