A cidade que le celebra esta fin de semana a Festa dos Libros
Por Manu Otero
Pontevedra é a cidade que le. As súas rúas están infestadas de librerías que animan aos peóns para pararse nos seus escaparates e elixir a súa próxima lectura. E por se os alicientes non fosen suficientes, a cidade acolle esta fin de semana a Festa dos Libros.
É un evento organizado polo Concello e trece librerías que encherá a praza da Ferrería de presentación de autores, firmas de libros, mesas redondas, contacontos e moitas máis actividades deseñadas para todos os públicos.
Os postos das librerías estarán nesta emblemática praza desde o venres pola mañá ata a noite do domingo e ofrecerán aos clientes un 10% de desconto en todas as súas compras.
Participan as librarías Aviones de Papel, Cao, Clip, Cronopios, D-Lectum, El Naranjo, El Pueblo, Escolma, Espazo Lector Nobel, La Nube de Papel, Luna Nueva Libros, Metáfora e Paz.
Entre os setenta autores que tomarán parte da festa están Carlos Bardem que presentará o domingo ás 19 horas Mongo Blanco, unha novela sobre o maior traficante de escravos de España do século XIX: Manuel Rivas que falará sobre literatura e as súas últimas obras o venres ás 19 horas: Manuel Jabois, para presentar Malaherba; ou Ledicia Costas que analizará a súa thriller psicolóxica Infamia.
Haberá tamén mesas redondas como a do domingo ás 13 horas para debater sobre a teoría da orixe galega de Cristóbal Colón ou recitais poéticos como o de Tamara Andrés fixado para o domingo ás 20 horas.
Para o público infantil, haberá toda clase de talleres relacionados coa literatura e a cultura, así como presentacións de libros de literatura infantil e xuvenil. O público adulto tamén poderá participar en obradoiros deseñados para eles como iniciación á caligrafía con pincel ou estampaxe términa nunha bolsa de tea. Aínda que son gratuítos, os maiores de idade deben inscribirse previamente no correo luz@ovopublicidade.com.
A música tampouco podía faltar. O programa de cada xornada pecharase cun concerto. Rebel Spirit e Alan actuarán o venres ás 10, o grupo de jazz GDJazz 4 Tet fará o propio o sábado á mesma hora e a banda de folk Comando Foucellas farao o domingo ás 21. horas.
Relacionadas:
-
A Festa dos Libros despídese deixando un gran sabor de boca
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Carlos Bardem: "Existe o esclavismo. Cando alguén traballa e traballa sen conseguir saír da precariedade, é un escravo"
Por Natalia Puga |
-
Os libros están de festa na Ferrería
Por Manu Otero |
-
Éxito de actividades e participación na Festa dos Libros
Por Redacción |