O pontevedrés Fernando Búa expón as súas obras na Casa de Galicia en Madrid
Por Redacción
Unha selección das súas obras a plumilla, creadas desde que tiña nove anos ata os dezaseis que ten agora. Ese é o contido da exposición Conservar é crecer que o pontevedrés Fernando Búa expón ata o próximo 28 de xullo na Casa de Galicia en Madrid.
Estes cadros están centrados especialmente na historia da cidade de Pontevedra e arredores, así como no seu patrimonio etnográfico. Todas elas baseáronse en fotografías de finais do século XIX e do século XX.
A exposición foi inaugurada polo propio autor, que estivo acompañado do coordinador de actividades da Casa de Galicia, Ramón Jiménez, que destacou o carácter precoz do artista pontevedrés, que "une ás súas calidades innatas a fortuna de nacer cun pincel debaixo do brazo".
"As súas obras parecen xa dun artista verdadeiramente maduro e iso é algo que impresiona e máis se temos en conta que as primeiras son de 2012 cando tiña só 9 anos", engadiu o coordinador da Casa de Galicia, que lembrou que é a primeira vez que acollen unha exposición dun artista tan novo.
Pola súa banda, Fernando Búa explicou que desde moi pequeno sentiu atracción por todo o que lle rodeaba. Ao principio este tipo de debuxos xurdiron como unha imitación dalgunhas das obras do seu profesor de pintura cando tiña 8 anos e "desde aí comecei a fixarme máis no incrible patrimonio que nos rodea e a realizar debuxos do mesmo".
"Ao principio debuxaba escenas baleiras, eliminando todo tipo de elementos que interrompesen as construcións, por iso case nunca se aprecian persoas nelas. Aos poucos comecei a implementar persoas, ás veces mesmo como protagonistas da obra e que servían para entender a forma de vida e os traballos tanto do rural como das cidades", sinalou.
O artista asegurou que expoñer na Casa de Galicia é unha "marabillosa oportunidade" para mostrar a súa visión persoal "de todo o que aprecio de Galicia, fóra dela", neste caso nunha gran cidade como Madrid.