A música de cámara máis actual desembarca en Pontevedra
Por Manu Otero
A oferta musical do verán pontevedrés vai moito máis alá dos concertos das Festas da Peregrina ou o Festival de Jazz. A próxima semana terá lugar a segunda edición do festival de música de cámara que organiza a Asociación Música Viva e que está integrado por un curso de formación para mozas e dous concertos no convento de San Francisco.
"Temos un programa de verán intensísimo ata a Feira Franca", sinalou a concelleira de Festas, Carme da Silva, antes de pormenorizar o programa deste evento. Os actos comezarán o día 8 coa inauguración do curso que imparten os integrantes da asociación organizadora.
As clases, dirixidas a mozas de entre 8 e 20 anos, divídense en tres grupos. O básico está deseñado para " xogar coa música", detalla a secretaria de Música Viva, Nerea Rodríguez; o intermedio, para aqueles alumnos que empezan a súa etapa de profesionalización; e o avanzado, para persoas de entre 16 e 20 anos que teñen en mente enfocar a súa carreira profesional cara á música.
É a segunda vez que realizan este curso e a matriculación superou amplamente a do ano pasado. Contan con 32 participantes que aprenderán os segredos da música nas aulas do Conservatorio Manuel Quiroga para terminar cun concerto no Teatro Principal o venres, día 12, ás 20 horas.
A segunda vertente do festival non é menos atractiva. Este ano Música Viva apostou por uns cuartetos singulares. O día 8 actuará o cuarteto de clarinetes Arroute e o día 10 farao o grupo de saxofóns Phea Quartet. Ambos os grupos caracterízanse por achegar a música de cámara ás tendencias e gustos actuais. A entrada é gratuíta e o escenario, inmellorable.
"O convento de San Francisco e unha dás grandes xoias da cidade e ten unha moi boa sonoridade", concluíu Da Silva, que convida a toda a cidadanía a gozar deste acontecemento.