A Festa dos Libros despídese deixando un gran sabor de boca
Por Redacción & Diego Torrado
Non é un adeus, é un ata pronto. A Festa dos Libros pecha este domingo o pano na Praza da Ferrería deixando un resaibo de satisfacción.
Tanto os organizadores como libreiros e autores salientaron a gran cantidade de xente que pasou ao longo dos tres días de actividade pola carpa da Ferrería, onde se sucederon as actividades con presentacións de libros, mesas redondas ou firma de autores, entre outras.
Durante a última xornada por exemplo, Xosé Manuel González 'Oli' presentou 'Ratos de Viaxe' (Kalandraka), Fina Casalderrey fixo o propio co seu último libro 'A furgoneta branca' (Xerais), a autora Cristina Corral Soilán e a ilustradora Aurora Cascudo Román presentaron 'Don Ferretín Ferretón e o seu cadelo lambón' (Barafunda Editorial), Eva Mejuto deu a coñecer 'Memoria do silencio' (Xerais) e o actor Carlos Bardem presentou a súa novela 'Mongo Blanco' (Praza & Janés).
Na Festa dos Libros participaron 13 librerías da cidade, ofrecendo un 10% de desconto en todas as compras. Foron: Aviones de Papel, Cao, Clip, Cronopios, D-Lectum, El Naranjo, El Pueblo, Escolma, Espazo Lector Nobel, La Nube de Papel, Luna Nueva Libros, Metáfora e Paz.
Tampouco faltou a música, porque cada xornada pechouna un concerto. O último leste mesmo domingo con Comando Foucellas.