Trinta fotos que mostran a realidade cotiá das persoas con parálise cerebral
Por Redacción & Cristina Saiz
Ata o próximo 19 de xullo poderá visitarse no vestíbulo do Pazo Provincial a exposición Tal día como hoxe, unha mostra que recolle unha trintena de fotografías que reflicten a realidade cotiá e a afectividade entre persoas con parálise cerebral.
As imaxes foron realizadas polo fotógrafo Chomi Delgado e forman parte dun proxecto impulsado pola Federación ASPACE-Galicia.
As fotografías en branco e negro son historias que se complementan entre si nas que os seus protagonistas buscan ser aceptados e non xulgados, e agrúpanse en tres temáticas: amizade, vida en parella e busca da familia.
A idea é amosar o día a día das persoas con parálise cerebral e subliñar o feito de que máis alá da súa discapacidade, a súa vida afectiva é igual á de calquera outra persoa, así como potenciar a imaxe das persoas con esta patoloxía como cidadáns de pleno dereito e, ao mesmo tempo, resaltar as súas capacidades.
Na inauguración da exposición, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, destacou que a exposición recolle imaxes de persoas que reclaman igualdade e reclaman todos os seus dereitos, "porque lles pertencen e corresponden e custa moito adquirilos".
Silva cualificou de "fermosas" esas imaxes e subliñou que "transmiten, conmoven e amosan o mellor do ser humano, a nosa capacidade para abrazarnos, sorrirnos, querernos e tocarnos".
Pola súa banda, Mónica Touriño, presidenta da Federación ASPACE-Galicia, sinalou que a apertura desta mostra é o primeiro acto para celebrar o vinte aniversario do colectivo, que se cumpre este mes de xullo, así como a importancia que ten para a visibilización das persoas con parálise cerebral.
Relacionadas:
-
A colaboración familiar é vital no tratamento de pacientes con dano cerebral
Por Redacción |
-
O 26M, en clave de diversidade funcional
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Os tapóns que converten aos nenos en superheroes
Por Alejandro Espiño |
-
VIDEO.- As persoas con parálise cerebral reivindican a súa sexualidade
Por Oskar Viéitez |