O ciclo 'De Musica Antiqua' inundará o Museo de música barroca de Monteverdi e Marais
Por Redacción
A música barroca de Monteverdi e Marais será a protagonista este verán do ciclo 'De Musica Antiqua', que chegará ao Museo de Pontevedra os días 18 e 26 de xullo con actuacións ás 20.30 horas no vestíbulo acristalado do Sexto Edificio.
A iniciativa ten como obxectivo que continente e contido vaian da man a través das salas do museo e as músicas dunha época que á vez é sorprendentemente contemporánea.
A primeira cita será o vindeiro xoves 18 de xullo da man do grupo 'Resonet', formado por Mercedes Hernández (soprano), Paulo González (frautas), Carlos Castro (percusións), Fernando Reyes (tiorba), e Fernando Reyes (dirección)..
'Resonet' ofrece un programa centrado na figura de Claudio Monteverdi, autor sen o que o barroco musical e a ópera moderna non podería ser comprendida. Xunto coas obras deste compositor, intercalaranse breves partes instrumentais doutros autores contemporáneos do século dezasete.
O 26 de xullo tocaralle a quenda a 'Le Bellemont', formado polos intérpretes Sara Ruiz (viola da gamba), Rafael Muñoz (tiorba), e Laura Puerto (cravo), que acumulan máis de 10 anos de traxectoria e están afianzados como 'ensemble' de referencia na interpretación da música barroca francesa.
A maior parte das obras do programa que interpretarán no Museo de Pontevedra son 'Pièces de Caractère', composicións independentes, de moi distinta duración e estrutura, coa principal característica de ser pezas "descritivas” que podían retratar a unha persoa, un obxecto, unha situación, ou un estado de ánimo concreto.