Sete grupos de toda Galicia danse cita no XVIII Festival Folclórico de Retrouso
Por Redacción
O festival folclórico de Retrouso, un dos máis antigos e estables da comarca de Pontevedra, volverá este sábado 13 de xullo á parroquia de Cela, en Bueu. Será, como é habitual, no eirado de Cela.
O evento chegará, deste xeito, á súa XVIII edición e contará coa participación de sete agrupacións de toda Galicia.
A primeira parte do festival será a partir das 21.00 horas coa actuación de Retrouso de Cela e o Grupo Castromao de Mondariz. O grupo anfitrión actuará en dous pases, para dar mostra do amplo traballo das súas seccións de baile, gaita e canto e pandeireta e tamén actuarán os máis pequenos da agrupación. Entre os seus dous pases, intervirá o grupo de baile e gaitas da Asociación Folclórica Castromao de Mondariz.
A continuación celebrarse a sexta edición da Retrofoliada, que conta con sete grupos con asistencia confirmada, ademais dos outros que se prevé que asistan fóra de cartel. Os confirmados son as Alxibeiras de Areas (Ponteareas), Cantigas e Agarimos (Santiago), Trébede (Cangas), Naicosqueira (Bueu), Traspés (Vigo), Prima de Buxo (Vigo) e Son d’Aquí (A Coruña).
O arranque da RetroFoliada está previsto para as 22.00 horas e, tras a actuación destes sete grupos confirmados, prepararase o escenario para a Foliada aberta, no que calquera grupo da contorna pode subir e botar unha rolda de pezas para animar o baile e pasar unha boa noite de música e baile tradicional.
Relacionadas:
-
Sanamedio, Cela e Meiro acollerán diversos actos con motivo da celebración do Día das Letras Galegas
Por Redacción |
-
Bueu acolle este sábado a XVII edición do Festival Retrouso
Por Redacción |
-
Cela viste de gala para a XV edición da Festa do Viño Tinta Femia
Por Redacción |
-
Un concerto didáctico inaugura as Escolas Tradicionais de Retrouso de Cela
Por Redacción |