Cuntis leva a música e o baile tradicional a Tenerife e Zamora
Por Redacción
A Vila de Arico, en Tenerife, acolle este venres a actuación da Agrupación de música e baile tradicional de Cuntis. Trátase dunha actuación con motivo da programación cultural que desenvolve a escola local de música e folclore Altos de Arico.
O colectivo de Cuntis tamén participará no XII Encontro Folclórico Farutes en Santa Cruz de Tenerife. O alcalde Manuel Campos acompaña a esta agrupación nesta viaxe a terras canarias onde se amosarán bailes e músicas tradicionais do folclore de Galicia.
Esta actuación terá continuidade o 6 de agosto no encontro de Bandas de Música Tradicional dentro do marco do XV Festival Folk-Rock 'Nas Portelas', que ten lugar en Lubián, en Zamora. A agrupación de Cuntis participará coa banda de Lubián e o colectivo Rosalía de Castro, procedente de Cornellá.
Esta cita cultural conta nesta edición co gaiteiro Hevia como estrela dentro dunhas actividades nas que a agrupación de Cuntis demostrará a calidade do traballo musical que levan desenvolvendo os seus integrantes durante máis de tres décadas.