Unha escolma de mantóns achegan 'Galicia, a terra dos mil panos' ao Museo
Por Redacción
Entre o 24 de xullo e o 1 de setembro, o Museo de Pontevedra acollerá a exposición 'Galicia, a terra dos mil panos'. Nesta proposta faise unha selección de máis dun cento de mantóns e tecidos orixinais que foron empregados pola cidadanía galega durante os séculos XIX e principios do XX.
Esta mostra, recollida grazas ás aportacións da asociación Sete Espadelas e de propietarios particulares, é unha oportunidade única para ver pezas dunha categoría importante, "pode que maxistrais", indicaba na presentación o comisario da exposición e responsable de Sete Espadelas, José Luis Rodríguez.
Trátase de tecidos delicados que precisan dunhas condicións determinadas de luz para que poidan ser exhibidos. A meirande parte das pezas expostas poderán verse adornando maniquís, malia que tamén se verá unha selección gardada en vitrinas, como un mantón cantonés que data do ano 1840.
É a primeira vez que se realiza unha exposición destas características na comunidade autónoma e nela se atoparán desde panos de laire ata os de oito puntas de Paisley, confeccionados en seda, procedentes da India a través dos soldados do Imperio Británico que os trasladaron a Escocia para finalmente rematar en Galicia.
Relacionadas:
-
O Museo estrea unha colección que percorre a historia da indumentaria galega dos séculos XIX e XX
Por Redacción |
-
Novo éxito de Sete Espadelas no concurso do Día do Enxalzamento do Traxe Galego
Por Redacción |
-
Sete Espadelas obtén dous galardóns nos Premios Antonio Fraguas de Investigación do traxe galego
Por Redacción |
-
O Museo Manuel Torres acolle a exposición "O traxe tradicional na nosa fala"
Por Redacción |
-
Exitosa estrea no Principal da montaxe etnográfica 'O soño da tecedeira' de Os de Algures
Por Diego Torrado & Redacción |