O último discurso de Castelao e a memoria da transición protagonizan dúas exposicións en Pontevedra
Por Redacción & Cristina Saiz
O Pazo da Cultura de Pontevedra acolle ata o próximo 25 de agosto dúas propostas expositivas que impulsa o Consello da Cultura Galega. Trátase de A intimidade da imaxe e Alba de Gloria que, respectivamente, revisan o último discurso de Castelao e a memoria da transición.
"Pontevedra ten para nós unha significación moi especial e hoxe traemos, alén doutras actividades que virán ao longo deste ano, dúas exposicións moi significativas", explicou a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, que participou na inauguración xunto o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores.
Trátase en ambos dous casos, engadiu Álvarez, de exposicións que supoñen unha proposta novidosa dos seus formatos e teñen a importancia de reflexar o país desde a vangarda, revisando a historia recente de Galicia desde diferentes puntos e vista e formatos.
A primeira destas mostras, A intimidade da imaxe, é unha mostra que olla cara a Galicia da transición a través do traballo da fotógrafa catalá Anna Turbau. A súa comisaria, Margarita Ledo, destacou na inauguración o valor destas fotografías, das que destacou a ollada do obxecto retratado sobre a cámara cunha fotografía "consciente e auténtica".
A exposición condensa nun centenar de imaxes os conflitos sociais, políticos e humanos cos que a fotógrafa se atopou a finais dos anos setenta en Galicia. Planos medios, planos abertos e encadres arriscados permiten coñecer unha Galicia íntima, moi personalizada nas figuras das mulleres, protagonistas absolutas da súa cámara.
O discurso expositivo xira arredor de nove bloques temáticos que permiten recoñecer unha Galicia rural de gran riqueza visual e compositiva ou dar visibilidade a unha serie de problemáticas como as mobilizacións contra as obras da autoestrada do Atlántico, as manifestacións do naval, os debates sobre a autonomía ou as vontades nacionalistas.
Pola súa banda, Alba de Gloria é a proposta que recrea e contextualiza o último gran discurso que pronunciou Castelao en vida no que enumera as grandes figuras da cultura galega.
O seu comisario, Manuel Gago, destacou o proceso de elaboración desta mostra que tiña o desafío de poder "trasladar ao público a emoción, trasladar un discurso que sabemos que tivo unha grande acollida entre o público".
A mostra ten unha parte central que é a Experiencia, na que o visitante, a través duns lentes de realidade virtual, pode entrar no mundo imaxinario de Alba de Gloria da man do propio Castelao. Canda ela haberá outros apartados que permiten coñecer a relevancia do contexto e do discurso en maior profundidade.
Así, o Labirinto reproduce as figuras que Castelao cita na súa alocución e na que constrúe un posible panteón nacional de Galicia; a Sala das Palabras é un espazo que permite escoitar unha lectura dramatizada da alocución e mergullarse nos discursos da época; e a Árbore das Historias plasma de xeito gráfico os relatos que definiron a identidade histórica galega.
Ambas mostras, engadiron os seus responsables, gardan numerosos fíos de conexión con Pontevedra.