Luis Zahera recibirá o Premio Cinema Galego no FICBUEU
Por Redacción
Luis Zahera recibirá o Premio Cinema Galego na 12 edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (FICBUEU), que se desenvolverá entre os días 6 e 14 de setembro.
Con motivo deste recoñecemento, o público do Festival poderá coñecer en profundidade a intensa traxectoria do actor compostelán nun encontro con el previsto para o sábado 7 de setembro no Centro Social do Mar, a partir das 18.00 horas.
O acceso ao Encontro con Luis Zahera será de balde, pero debido ao aforo limitado da sala é preciso retirar no mesmo día un convite no despacho de billetes do Centro Social do Mar, que estará aberto de 10.00 a 12.30 horas pola mañá e a partir das 17.00 horas.
Zahera fará un repaso polos seus inicios como o taberneiro 'Petróleo' de Mareas Vivas e polo seu paso por proxectos en televisión, teatro e cine. No sétimo arte estivo en Concursante, Celda 211, Que dios nos perdone ou El reino. Esta última película de Rodrigo Sorogoyen valeulle un Goya ao mellor actor de reparto. Ademais, ten pendente de estrea Mientras dure la guerra, filme dirixido por Alejandro Amenábar.
Este Encontro con Luis Zahera porá de relevo unha das facetas máis descoñecidas da súa carreira coa proxección de tres traballos curtos: a curtametraxe O matachín, dirixida por Jorge Coira en 1996 e protagonizada por Zahera e Luis Tosar; Marina, de Álex Montoya, unha obra de 2010. A sesión completarase cun capítulo de Entre pipas, a singular webserie que coprotagoniza canda Xúlio Abonjo.
Relacionadas:
-
RADIO.- A playlist dun dos Goya galegos: Luis Zahera
Por Marisa Ciordia |
-
Saen á venda as entradas e abonos para as seccións competitivas e a gala do FICBUEU 2019
Por Redacción |
-
O FICBUEU saltará ás ondas, por terceiro ano consecutivo, co programa Carne cruda
Por Redacción |
-
Especialistas de Arxentina, Francia e Valencia avalían os filmes do FICBUEU
Por Redacción |
-
O FICBUEU ofrecerá este ano a súa programación cinematográfica máis ampla e variada
Por Redacción |
-
Unha ducia de curtametraxes pasan á final da Sección Escolas Galegas do FICBUEU 2019
Por Redacción |