Amal en Ruta, seis películas para romper estereotipos sobre o mundo árabe
Por Alejandro Espiño
Achegar a Galicia a realidade da sociedade árabe, rompendo cos estereotipos e ofrecendo unha visión ampla e multidimensional desta cultura. Con este espírito regresa a Pontevedra o ciclo de cinema euroárabe Amal en Ruta 2019.
O ciclo, organizado pola Fundación Araguaney e o Concello de Pontevedra, proxectará catro películas de ficción e dous documentais. Será no Teatro Principal do 9 ao 14 de setembro e a entrada a todas as sesións, que serán ás nove da noite, será de carácter gratuíto.
Todas as cintas poderanse ver en versión orixinal subtituladas en castelán e supoñen un percorrido polo mellor cinema árabe da actualidade.
Na súa presentación, o presidente da Fundación Araguaney, Ghaleb Jaber, explicou que este ciclo busca o contraste entre as dúas beiras de Occidente, co obxectivo de informar e traer á actualidade unha realidade que "moitas veces atópase na escuridade".
"Queremos que a xente saiba a verdade", explicou, algo que considera especialmente importante ante a "involución democrática" que os movementos fascistas e os discursos de odio están a provocar en Europa, algo que se produce "por unha falta de cultura".
Por iso, a fundación busca traer a Galicia "cine que non vemos en televisión ou nas salas" e que ofrecen "historias reais" sobre familias marxinadas ou sociedades oprimidas.
As películas elixidas recollen diferentes puntos de vista e sensibilidades. Ademais da temática palestina e da crise dos refuxiados, o ciclo aborda outros temas que reúnen a diferenciación e matices dos máis de 500 millóns de persoas do mundo árabe.
Así, Alma Máter, a película belga que abrirá este ciclo o 9 de setembro, trasladará aos espectadores á guerra de Siria, onde unha nai tenta que a súa casa sexa un fortín ante a ameaza dos bombardeos, os francotiradores e os ladróns que lles axexan.
O filme exipcio Sheikh Jackson (10 de setembro) mostrará pola súa banda a un islamita que ten unha crise de fe cando escoita as noticias de que o seu ídolo da infancia, Michael Jackson, morreu; e Of fathers and sons (11 de setembro) é un documental que retrata a un pai de familia, líder de Al-Qaeda en Siria, que cada día educa aos oito fillos na fe talibán.
Zagros, que se proxectará o 12 de setembro, é unha produción belga que analiza a condición das mulleres en Kurdistán a través dun pastor que emigra por amor; e a película documental Ghost Hunting (13 de setembro) poñerá en foco no cativerio dun palestino nun centro penal israelí con varias persoas que, como el, pasaron pola mesma experiencia traumática.
Amal en Ruta concluirá o 14 de setembro coa proxección de El Cairo Confidencial, película que recibiu o gran premio do xurado do festival de Sundance e que narra a historia dun policía do Cairo que ao investigar o asasinato dunha famosa cantante descobre que o crime esconde terribles implicacións da intocable elite que dirixe o país, blindada ante a xustiza.
A edil de Cultura, Carmen Fouces, destacou que este ciclo permitirá aos pontevedreses coñecer a cultura árabe e as súas realidades sociais" alonxándose dos estereotipos e dos tamices perversos" que, a miúdo, chegan a Europa a través dos medios de comunicación e que "distorsionan" a súa imaxe.
Trátase, engadiu, dunha iniciativa que permite ao público acceder a un cinema "máis alternativo" e que provoca na espectadores "emoción e reflexión". A intención do Concello, segundo Fouces, é transformar o Principal nunha "gran sala de cinema non comercial" que permita a Pontevedra estar "na vangarda" cultural.