Revenidas regresa a Vilaxoán cun marcado espírito solidario e feminino
Por Redacción
Desakato, Talco, Dakidarría, The Baboon Show, Gatillazo ou Los Caligaris son tan só seis das preto de corenta actuacións musicais que formarán parte da programación da nova edición do festival Revenidas, que se celebrará os días 9, 10 e 11 de agosto en Vilaxóan.
A solidariedade e unha presenza feminina transversal na programación será os sinais de identidade do festival, segundo sinalaron os seus organizadores durante a súa presentación.
Xoán Quintáns destacou as máis de corenta propostas artísticas, entre elas a nivel internacional a de Gogol Bordello, "para Rolling Stone un dos quince mellores directos do mundo" e cuxo cantante refuxiouse en Estados Unidos tras o desastre de Chernóbil.
O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, destacou a mestura de "tradición e modernidade" que ao longo de todas as súas edicións mantén este festival.
A xornada inaugural, que terá lugar o venres 9 a partir das 20.00 horas, contará coa música de Desakato, The Baboon Show, Hard GZ, Mal Elevé, Erin, Tribade, Flow do Toxo e Ferromona DJ.
O día grande, o sábado 10, será a quenda de Gatillazo, Talco, Skacha, Los Caligaris, Rebeliom do Inframundo, Valira, El Niño de la Hipoteca, TNT e DJ Plan B.
O domingo 11 de agosto iniciará cos concertos de Carolina Rubirosa, Dakidarría en acústico e Punkinfantil no parque de Dona Concha para dar inicio a un fin de festa que culminará no recinto dos concertos da man de Gogol Bordello, Nao, Doctor Krapula, Gambeat, Los Jinetes del Trópico, Bastards on Parade, Leo Arremecághona, Chocolate Remix e La Duendeneta.
Ademais, o Parque de Dona Concha servirá tamén como punto de encontro gastronómico do festival, no que se celebrará un ano máis a multitudinaria Gran Sardiñada Popular (sábado, 13.00 horas) na que se despacharán 1.000 quilos de sardiñas.
O evento contará tamén coas propostas gastronómicas de Kike Piñeiro e Eloy Cancela de A Horta d’Obradoiro e da chef Inés Abril do restaurante Maruja Limón, que prepararán para os asistentes un boliño de mexillón tigre e un petisco de remolacha, frambuesa e sardiña.
As actividades incluirán tamén a Feira Revenida, a Gala de Circo pro Refuxiadas, o pasarrúas con Os Terribles de Arousa, Brassica Rapa e a orixinal proposta con atmosfera poética de Thomas Dylan & Balea.
O festival ten tamén unha estreita relación co mar pola zona na que se celebra. Neste Revenidas, os asistentes poderán vivir unha experiencia marítima única pola Ría de Arousa a bordo do Chasula, unha embarcación tradicional na que poderán gozar de música ao vivo e dunha exclusiva degustación gastronómica de produtos 100% galegos.
Esta actividade, unha das máis reclamadas do festival, é perfecta para grandes e pequenos e contará con tres saídas o sábado 10 a cargo do Leo, Gabri Dakidarría e Ugía Pedreira e outras tres o domingo 11 a cargo de Los Jinetes del Trópico, Zeltia Irevire e Gramola.
Os interesados en asistir ao festival poden mercar os seus abonos de tres días -con acampada incluída- por un prezo de 41 euros o abono e 25 euros a entrada de día a través da páxina web www.revenidas.com.
Relacionadas:
-
Sete Festivais Rías Baixas pensados para gozar "da mellor música, nos mellores espazos e coa mellor xente"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Revenidas refórzase con Talco, Gatillazo, Los Caligaris, Mal Élevé, Tribade e Valira
Por Redacción |
-
O festival Revenidas confirma as cinco primeiras bandas para a súa edición de 2019
Por Redacción |