Culturgal pon o foco na cultura interactiva nunha nova edición na que afronta unha reestruturación profunda
Por Natalia Puga
A Feira das Industrias Culturais de Galicia (Culturgal) afronta este ano 2019 a súa duodécima edición con dúas novidades fundamentais: a nivel contidos, apostará pola cultura interactiva e a nivel visual e estético promoverase unha reestruturación profunda do recinto e os seus espazos.
Culturgal celebrarase entre o 29 de novembro e o 2 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra. A pesar de que aínda faltan cinco meses, este mércores realizouse a primeira presentación formal do evento coincidindo coa apertura do prazo para a presentación de propostas de programación e para a reserva de casetas na feira.
O presidente de Culturgal, Victor López, explicou que as dúas novidades deste ano centraranse no campo visual e estético e no de contidos e están enfocadas en tentar conseguir unha mellor experiencia das miles de pesonas que cada ano acuden a esta cita coa cultura.
O director da feira, Xosé Aldea, explicou que este ano se realizou un intenso traballo técnico para impulsar esa reestruturación do evento, sempre desde a corresponsabilidade que caracteriza a Culturgal, pois é un proxecto compartido entre catro administracións, público e empresas. Supoñerá unha mellora da circulación e organización no recinto.
A nivel estético, substituiranse as estruturas actuais en forma de caseta por outras estruturas metálicas que permitan un deseño máis flexible e actual, con elementos máis traslúcidos que faga que os compartimentos sexan menos estancos e a feira teña unha estrutura máis compartida e fomente o contacto humano e as relacións entre empresas e proxectos.
A nivel de contidos, impulsarase a cultura interactiva con protagonismo das empresas e entidades centradas nos videoxogos, as App ou as realidades virtual e ampliada. Así, poñerase o foco na tecnoloxía nos servizos culturais, pois o reto actual do sector é o mundo interactivo.
Aldea animou a que presenten propostas as empresas con alto contido tecnolóxico para "mostrar as infinitas posibilidades de tecnoloxia nos produtos e servizos culturais", pois considera que a feira debe visibilizar este tipo de traballo, que incide en aspectos lúdicos, didácticos e, sobre todo, participativos.
O director dá Agadic, Jacobo Sutil, aplaudiu que Culturgal siga diferenciando entre a accesibilidade e a gratuidade da cultura, pois aposta por prezos populares -tres euros para adultos e dous para menores- para facer o evento accesible, pero non aposta polo todo gratis. Aplaude, ademais, que Culturgal siga como "altofalante das nosas enmpresas culturais, no seu cometido de facer coñecido para o público en xeral o que fan as empresas".
A Xunta de Galicia, principal patrocinador de Culturgal, achega 65.000 euros porque valora o impacto da cultura tamén a nivel económico e turístico e o seu traballo cunha fórmula de colaboración público-privada.
A nova deputada responsable de Cultura na Deputación de Pontevedra, destacou a importancia de Culturgal como "principal escaparate dun sector estratéxico de Galicia" mentres que a concelleira pontevedresa de Cultura, Carmen Fouces, destacou que esta feira "fai país, provoca que teñamos algo que constrúa un relato do que somos, da nosa historia cultural", sacou peito dos seus 12 anos de historia e mirou cara ao futuro, pois "toda a historia non tería sentido se non seguimos avanzando; comprometéndonos co futuro".
Relacionadas:
-
Culturgal 2019 preséntase como o refuxio "onde nunca chove" con espectáculos, videoxogos e arte contemporánea
Por Redacción |
-
O público do Culturgal premia un festival multidisciplinar que se celebra no Courel
Por Redacción |
-
O festival Novos Cinemas optará ao Premio do Público no Culturgal 2019
Por Redacción |
-
Sustentabilidade, cambio climático, interactividade e igualdade, no stand da Deputación en Culturgal
Por Redacción |
-
Culturgal contará coa actuación estelar de Marful ao vivo, coa colaboración de Sabela, de Operación Triunfo
Por Redacción |
-
Culturgal pecha as súas portas ata o vindeiro 29 de novembro
Por Oskar Viéitez |
-
Ateigada axenda do Concello de Pontevedra no Culturgal
Por Redacción |