O peirao de Raxó acolle a historia choqueira de Paco Checo
Por Redacción
Este sábado ás 22:00 horas no peirao de Raxó, con entrada de balde e a escenografía da Ría de Pontevedra de fondo, o programa Poio Escena achega o teatro á veciñanza coa representación da obra "Algo pasa con Paco".
O público poderá coñecer ó singular Paco Checo, "un cabaleiro errante á antiga usanza que na tolemia de dar caza a tesouros e dragóns non se da conta de que tivo tempos mellores", di o programa da función.
Trátase dunha historia choqueira e trepidante na que Paco Checo coñecerá os diferentes puntos de vista que ten a vida a través desta proposta de Porta Aberta Teatro e coa colaboración da S.C.D. Raxó.
O ciclo de teatro Poio Escena tende unha ponte cultural entre as compañías de teatro afeccionado e a veciñanza, que poderá desfrutar de balde e na rúa de teatro de calidade este sábado e mailo vindeiro 23 de setembro na Praza de Tarrío con outra obra para todos os públicos: Des-Armadas (Artías Teatro), unha reflexión absurda sobre a guerra e a súa irracionalidade.
Cultura e teatro para todos os públicos coma un soño dunha noite de verán nunha contorna privilexiada.