Cantos na Maré, o Festival das Lusofonías arranca este venres 13 e prolongarase ata o domingo nesta décimoquinta edición.
O seu director, Fran Rivera sinalaba en PontevedraViva Radio que é un proxecto que "creceu e creceu desde o ano pasado, cando se lle deu unha nova forma de ser, prolongou duración e colaboramos co Museo. Este ano a marea sobe e asolagamos a cidade. O Museo é unha sede máis como o Pazo da Cultura e o Teatro Principal, pero engadimos as rúas da cidade e concretamente a Praza da Pedreira".
Unha proposta que crece, sen perder a súa esencia e con perspectivas de futuro ampliables: "é o festival da relación da nosa cultura con outros mundos, concretamente o da lusofonía e non descartamos outras incorporacións atlánticas que poidan engadir achegas e chegar a máis disciplinas".
Disciplinas a incorporar como podería ser a danza, tal e como xa se fixo nesta próxima edición coa poesía e "o noso folk, que xa o fomos introducindo". Un folk que ademais terá nomes propios desta cidade con As Cantigas de Elena. O festival por tanto non só é música, contémplanse outras actividades, para todos os públicos, e mesmo "algunha que vai sorprender ao público en plena rúa".
Catro escenarios e máis dunha vintena de propostas en tres días. Propostas nas que a presenza feminina é abafadora con nomes como Bia Ferreira, Mayra Andrade, Clara Peya, Assa Matusse, Livia Mattos, Laura LaMontagne, Vivi Pozebon, ou Enredadas, un proxecto que comparten Uxía, Ugía Pedreira, Martirio e Carmen París. Sobre este último apunta Fran Rivera neste Cara a cara: "Uxía enredouse neste proxecto hai anos cun repertorio de músicas tradicionais de toda a Península e este ano decidimos incorporalo a Cantos na Maré para a gala final".
As entradas ou abonos para actuacións de pago pódense adquirir na web de Cantos na Maré, Ticketea e nos propios espazos onde se ofrecerán as actuacións habilitaranse despachos de billetes.