O estadounidense Joseph Leo Mankiewicz, protagonista do novo ciclo de cine do campus
Por Redacción
Coincidindo co 110 aniversario do seu nacemento, o campus de Pontevedra dedica un novo ciclo de cine a Joseph Leo Mankiewicz, unha figura senlleira dentro do cinema clásico estadounidense que, ao longo da súa carreira, foi director de escena, realizador e guionista.
Dez proxeccións e un relatorio, que terán lugar os venres ás 19.00 horas na Casa das Campás, integran a programación dun ciclo que leva por nome JLM e que arranca este venres 13 de setembro coa proxección da película O americano tranquilo (1958).
A través da selección de filmes de diferentes xéneros e épocas o ciclo buscará trazar, segundo o seu coordinador Suso Novás, unha "especie de visión panorámica" sobre a obra e a maneira de entender o cine dun director que "foi un mestre nas estruturas narrativas y que se mantivo traballando a un nivel moi alto durante máis de dúas décadas".
O ciclo ofrecerá unha serie de películas estreadas entre 1946 e 1970 que non son tan coñecidas como títulos como Eva ao desnudo ou Cleopatra, "pero que representan moi ben a súa concepción do cinema", apunta Novás.
Tras a primeira sesión, o 27 deste mes proxectarase O mundo de George Apley (1947), mentres que o venres 4 será o pase de Julio César (1953), segundo o coordinador, un dos grandes traballos de Mankiewicz, "no que amosa directamente o seu amor polo teatro".
Á semana seguinte, o venres 11, poderá verse o drama familiar Odio entre irmáns (1949), mentres que o 18 proxectarase Murmurios na cidade (1951), comedia dramática sobre a caza de bruxas no cine estadounidense. Para pechar outubro, Suso Novás ofrecerá o día 25 o relatorio Imaxe vs representación, no falará dos grandes temas do cinema de Mankiewicz.
Xa en novembro, a Casa das Campás acollerá o venres 8 a proxección da película sobre espionaxe Operación Cicerón (1952), mentres que o día 22 poderá verse o thriller sobre a amnesia Só na noite (1946) e o venres 29 Carta a tres esposas (1949), un dos cumios creativos do cinema de Mankiewicz.
Para decembro están programadas as proxeccións, o día 5, de Mulleres en Venecia (1967) e o venres 20 de O día dos tramposos (1970), comedia na que este cineasta dálle unha volta ao xénero do western.
A entrada é libre ata completar aforo e as proxeccións serán en versión orixinal subtituladas, complementadas por unha presentación e o posterior coloquio.