Para tal ocasión énchese o estudo de PontevedraViva Radio. Contamos con María Fanjul, profesora do centro e promotora do proxecto; Andrés Castro, crítico de cine, guionista e co-director da curtametraxe; con tres dos alumnos participantes: Marisé Rancaño, Laura Torres e Alejandro Sanmartín; así como tres das colaboracións recibidas: Raquel Queizás, actriz e contacontos, Óscar Ibáñez, gaiteiro; e Enrique Mauricio e Carlos Taboada de Polo Correo do Vento.
Todas estas altruístas colaboracións coinciden en destacar a profesionalidade con que sacaron adiante a iniciativa desde o centro educativo. Pola súa banda, María Fanjul tamén deixa constancia do seu agradecemento "porque todos estiveron aí, involucrándose completamente".
E que nos conta 'Atopando o Camiño'? A aprendizaxe que para un grupo de nenos - coas súas personalidades - supón realizar o Camiño de Santiago. Aventuras, misterio... que se poderán descubrir o 26 de setembro ás oito da tarde.