Chegaron as "cousas bonitas" do Festival das Núbebes
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz
O benquerido Roque inaugurou este venres no Teatro Principal a sétima edición do Festival das Núbebes, dedicado especialmente aos bebés e familias.
Este e o próximo, serán dúas fins de semana cheas de propostas ao redor das artes escénicas pensadas e dirixidas ao sector infantil da casa.
Teatro, danza, música, talleres, animación de rúa, conta contos e guerra de almofadas entre outras propostas.
Un amplo abano de "cousas bonitas" que a compañía Boabob Teatro preparou con moito agarimo e cuns fermosos obxectivos: que bebés e familias poidan aprender xuntos, compartir experiencias e gozar dun tempo de lecer.
Roque contou no acto de benvida coa presenza de Cora Velasco como artista convidada.
Para este sábado no Teatro Principal, a compañía Boabob Teatro representará en dous pases "Baila Roque, baila", ás 12.15 e 17.50 horas.
No padroado de Turismo Rías Baixas, Mercedes Prieto levará a cabo un obradoiro de baile e canto para bebés e 0 a 11 meses, en varias quendas, ás 12.00, 17.00 e 18.45 horas.
Para nenos de entre 2 e 6 anos, a Casa Azul acolle "Sementando Historias", ás 12.30, 17.00 e 18.45 horas para poder acoller a un maior número de asistentes.
Para pechar a xornada a Asociación Down Pontevedra organiza un obradorio de cociña "Cociñando Xunt@s", tamén na Casa Azul en horarios de 11.30, 17.15 e 18.45 horas, dirixido a pequenos de entre 3 a 6 anos.
A programación do domingo comeza ás 12.30 horas con contos e música en Casino Mercantil, da man de Cris de Caldas e Xabi do Camiño.
A Asociación Antonio Gandoy interpretará cancións de berce ás 11.45, 17.00 e 18.45 horas na Casa Azul.
E a compañía Boabob representará a obra "O lobo e a lúa" ás 12.00 e 18.15 horas no Teatro Principal.
Relacionadas:
-
Contos, maxia, teatro, música e mesmo un obradoiro de ioga para bebés despiden o Festival das Núbebes
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Esperando á próxima fin de semana con máis Núbebes
Por Diego Torrado |
-
Maxia e un obradoiro de cociña por parte da Asociación Down 'Xuntos', principais novidades da VII edición do Festival Núbebes
Por Almu Dapena |