A mostra "Galaicos" recalará no Museo de Pontevedra tras ser visitada por máis de 32.000 persoas en Madrid e Valencia
Por Redacción
O Museo de Pontevedra será a última parada da mostra "Galaicos: Un pobo entre dous mundos", tralo seu éxito nas anteriores estadías en Madrid e Valencia, segundo destacou este luns en rolda de prensa a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.
Esta exposición será inaugurada este venres 4 de outubro e poderá verse ata o 2 de febreiro, no Sexto Edificio do Museo para dar a coñecer "o rico patrimonio arqueolóxico e cultural de Galicia e, en concreto, da provincia de Pontevedra". Amais, esta mostra servirá tamén para conmemorar o 125 aniversario da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, "que foi o xerme do museo desta cidade".
Durante o tempo que dure a exposición, ata o 2 de febreiro, a Deputación vai desenvolver múltiples actividades arredor desta mostra, entre elas visitas guiadas e dramatizadas, xornadas de conferencias, recreacións históricas, "e queremos ademais tamén que estes contidos estean ligados a xornadas gastronómicas".
Silva lembrou que esta mostra recibiu no Museo Arqueolóxico Nacional de Madrid a 18.000 visitantes e, no Museo da Prehistoria de Valencia, a outras 14.000 persoas respectivamente, "sen contar a Noite dos Museos, que o Museo de Valencia dedicou a esta exposición e a todo o que ten que ver coa historia da Prehistoria na nosa provincia".
Tras este éxito, recalará en Pontevedra co obxectivo de divulgar o patrimonio arqueolóxico e dentro da aposta da Deputación "por un turismo sostible, baseado na cultura, na historia, con capacidade para atraer visitantes durante todo o ano e, polo tanto, ser un acicate para a desestacionalización".
A exposición "Galaicos", como explicou máis polo miúdo a presidenta da institución provincial, aproximará ás persoas que a visiten á historia de Galicia no período comprendido entre o crepúsculo da Idade de Bronce (1500-800 antes da nosa era) e o século VI, e pretende amosar o nexo de unión entre dous mundos, o Atlántico e o Mediterráneo.
Relacionadas:
-
Organizan tres rutas guiadas a xacementos no marco da exposición 'Galaicos'
Por Oskar Viéitez |
-
Mesas redondas, visitas guiadas e obradoiros completarán as actividades da exposición 'Galaicos' no Museo
Por Redacción |
-
Volve 'Galaicos', con catro meses por diante para descubrir o patrimonio arqueolóxico e cultural da provincia
Por Redacción |
-
'Galaicos. Un pobo entre dous mundos' centrará a atención en Valencia no Día internacional dos Museos
Por Redacción |
-
"Galaicos é moito máis que unha exposición, é unha inxeción de autoestima"
Por Redacción |
-
A exposición 'Galaicos, un pobo entre dous mundos', guía arqueolóxica e visual da provincia
Por Noticia patrocinada |