Novas xornadas para aprender a apreciar as grandes obras da música clásica e da ópera
Por Redacción
O Museo de Pontevedra acolle, a partir deste venres 4 de outubro, as novas xornadas da décima edición do Curso de Apreciación Musical, que está dirixido polo profesor Manuel López-Benito.
Dentro do curso prográmanse dous ciclos, un irá destinado a coñecer as grandes obras da música clásica e outro centrado na ópera e artes escénicas. Os dous cursos desenvólvense ao longo de catro días, durante os venres de 19.30 a 21.30 horas, con asistencia libre ata completar a capacidade do salón de actos do Sexto Edificio do Museo.
O primeiro ciclo servirá para analizar en profundidade obras importantes da música clásica desde un punto de vista programático, estético, histórico e musical coa intención de que as persoas asistentes aumenten a emoción da escoita. Este ciclo realizarase os venres 4, 11, 18 e 25 de outubro.
No outro ciclo tamén se escoitarán audicións de pezas operísticas e ofrecerase información sobre o compositor, a posta en escena e a contextualización histórica. Será os venres 15, 22 e 29 de novembro, ademais do 13 de decembro.