O Museo de Pontevedra acolle o 19 de outubro unha xornada de análise de nomes das rúas
Por Anxo Lourido
O Museo de Pontevedra acollerá o 19 de outubro a cuarta Xornada de Onomástica Galega, un evento organizado pola Real Academia Galega, que nesta ocasión vai dedicarse ás denominacións das rúas.
Ao longo de catro relatorios e unha mesa redonda, catorce especialistas analizarán o sistema de conformación dos nomes nos centros urbanos de Galicia. Analizarase en concreto a salvagarda da toponimia tradicional nas cidades de Pontevedra, Vigo e A Coruña, ademais da situación na contorna urbana de Lalín onde chegou a denominarse as rúas con nomes de letras.
Este mércores, Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega (RAG); Luz Méndez, académica e moderadora na xornada e José Manuel Rey, o director do Museo de Pontevedra, presentaban o programa onde se vai prestar atención ás causas históricas, políticas e sociais no proceso para dar nome as rúas.
Freixanes explicou que agardan que antes de finais deste ano a RAG teña no seu portal web un mapa completo da toponimia de Galicia, un elemento de especial utilidade para cuestións tan frecuentes como detectar un espazo en caso dunha urxencia médica ou dun lume forestal. "Non hai en Europa nada parecido", indicou o presidente da RAG. Tamén desde a institución están a traballar na elaboración dun diccionario dos nomes galegos.
O pontevedrés que preside a RAG destacou o labor de investigación e traballo documental que supón para as persoas que integran a academia para realizar este servizo á sociedade e dirimir cuestións como se se debe escribir Ribeira ou Riveira, ou ofrecer propostas para darlle nome a unha zona urbana, atendendo a determinados criterios.
Pola súa banda, Luz Méndez indicou que ao longo da xornada tamén se quere poñer en valor que algunhas rúas leven mil anos coa mesma denominación ou as fórmulas que se están a empregar para trasladar a toponimia máis rural a vías, estradas e rúas dos espazos urbanos. A través dos relatorios de Ramón Lorenzo, Antón Santamarina, Xulia Marqués ou Gonzalo Navaza van tratarse temas como a apropiación do espazo público e memoricidios como o do golpe de 1936 onde pasou a denominarse "calle del generalísimo" a numerosas vias de Galicia.
A xornada será de entrada libre coa posibilidade de inscribirse a través de correo: publicacions@academia.gal para obter un diploma de asistencia.