As bibliotecas de Cuntis e Poio animan á lectura con teatro e maxia
Por Oskar Viéitez
"Unha das mellores estratexias para achegar ás nosas nenas e nenos á lectura é facelo dun xeito ameno e interactivo, que desperte as inquedanzas e a curiosidade, e se son con actividades que desenrolan a intelixencia das crianzas moito mellor", así o sinala a concelleira de Cultura e Educación de Poio, Raquel Rodríguez, nunha reflexión que tamén é compartida no Goberno local do Concello de Cuntis.
No caso de Poio, e tras o éxito da maxia de Pedro Bugarín o pasado venres, a Biblioteca Municipal vai deixar caer ás nenas e nenos polo tobo do coello ata o mundo irreal de "Alicia no país das marabillas". Alí terán que solucionar enigmas, artellar acertixos ou aportar solucións en equipo para saír do labirinto e poder voltar ó mundo real.
Esta Escape Room, é unha das actividades de dinamización cultural máis puxantes. Os participantes son encerrados nun espazo decorado de xeito temático, e deben conseguir saír do interior resolvendo problemas a través do coñecemento da literatura e en contacto cos libros, e está dispoñible en Poio e de balde, este venres 7 de outubro ás 17:00 horas na Biblioteca Municipal de Poio para público infantil a partir de 9 anos.
E na Biblioteca Municipal de Cuntis promóvese a igualdade de xénero a través dun programa de animación á lectura.
Este pasado mércores visitaron a biblioteca o alumnado de 3°ESO do CPI Don Aurelio Marcelino Rey García na que foi representada a obra "Procúrase Pepa a Loba" a cargo de Cristina Collazo.
Esta actividade de dinamización lectora busca promover a igualdade entre homes e mulleres e a loita contra a violencia de xénero e encádrase no programa Ler Conta Moito da Rede de bibliotecas de Galicia.
Dende o concello de Cuntis apuntan que este tipo de iniciativas son necesarias para promover unha sociedade máis igualitaria, máis xusta e sen violencia.