Pontevedra acolle un concerto que rescata do olvido ás mulleres compositoras
Por Redacción
A pianista galega Isabel Pérez Dobarro, fincada actualmente en Nova York, será a protagonista dun concerto que se celebrará este domingo 13 de outubro en Pontevedra e que forma parte do seu traballo para rescatar a mulleres que non gozaron do éxito que merecían nas súas carreiras como compositoras, só pola súa condición de xénero.
No recital, que se celebrará no Espazo Nemonon ás 18:30 horas, Pérez Dobarro estreará en Galicia unha das obras asinadas por Clara Schumann, esposa de Robert Schumann que viviu, como compositora, á sombra dos éxitos do seu marido.
A actuación é de entrada libre e nela a pianista interpretará, na súa versión de quinteto con piano, o Concerto para op. 7 de Clara Schumann, coincidindo co 200 aniversario do seu nacemento.
A concertista internacional galega elixiu a cidade de Pontevedra como antesala do concerto que ofrecerá, con este mesmo repertorio, no Palau de Barcelona, o próximo 21 de outubro.
A figura de Clara Schumann foi crucial para a carreira do seu esposo ao dedicarse a dar concertos por toda Europa, interpretando as obras de Robert Schumann.
Clara foi un nena prodixio, ao converterse en pianista con tan só oito anos. Escribiu o seu Concerto op. 7 aos 14 anos, demostrando un gran virtuosismo. A súa carreira como compositora só se prolongou durante dous anos máis
O resto da súa vida, ata a súa morte, dedicouno a dar clases e a interpretar a obra doutros, a pesar de que a súa obra influíu notablemente en compositores posteriores.
No concerto de Pontevedra, Pérez Dobarro estará acompañada por prestixiosos músicos galegos como Mario Diz, compositor e director titular da Orquestra da USC; ou Sergio Heredia, Marta Souto e Fernando Ramón, membros da Orquestra Filarmónica de Pontevedra e profesores no Conservatorio Profesional de Música desta cidade.
Ademais de interpretar a obra de Clara Schumann, Isabel Pérez Dobarro realizará unha selección das súas obras favoritas do seu repertorio como solista, incluíndo tamén a estrea dunha muñeira da compositora catalá Narcisa Freixas (1859-1926), figura de extraordinario valor, esquecida ao igual Schumann, do canon musical tradicional.