Da marxe dereita da ría bilbaína procede a invitada da Playlist, Isabel Fernández Reviriego, música, compositora, arreglista, produtora, escritora e artista gráfica. En Leioa viviu ata os 21 anos, coa chegada da década do 2000 trasladouse a Madrid e desde 2010 reside na cidade olívica xunto á súa parella, vigués.
Retrocedendo no tempo, na década madrileña compaxinou o traballo con estudos de Humanidades e coa súa segunda banda: Charades. Un grupo de "mellores amigos" (cos que xirou dentro e fóra de España e dentro e fóra do continente) e que están tamén entre os mellores momentos da súa vida. Antes, na súa Biscaia natal e con dezaseis anos formou parte deElectrobikinis, unha banda punk rock dos oitenta que tamén soou na pequena pantalla con campañas de publicidade.
Da súa infancia rememoramos en PontevedraViva Radio as súas viaxes a París, para visitar con asiduidade a un tío materno que deixou Zamora e instalouse na cidade do Sena. E tamén a angustia que lle provocou un banco de medusas cando mergullaba coa intención de ver mantarrayas. Alí xurdiu un 'Juramento mantarraya' que dá nome ao seu último álbum.
O seu mellor instrumento é o oído, así recoñécese óptima oínte, enamoradiza, monógama e goza da soidade se é elixida, compartida iso si, con catro cans e un gato. A conexión de Aries e Isabel con Pontevedra está no Liceo Mutante. Foi aquí o seu primeiro concerto con este alter ego artístico e a última vez que volveu foi este mes. É un lugar especial para ela, non só por esa circunstancia profesional, senón tamén polo espírito que move ese proxecto cultural.
Acaba de desasirse da abdución aos móbiles e pasouse a un pequeno teléfono móbil sen conexión a internet. Ah! se a buscais en Twitter, mellor con cebola, "sabe todo moito mellor!".