A BMP e Píscore mesturan o virtuosismo musical e a comedia
Por Diego Torrado
A Banda de Música de Pontevedra (BMP) segue sementando cultura co seu Ciclo de Butaca.
Este domigo, baixo a batuta do director Rafa Agulló Albors e con música de Adrián Saavedra, a BMP e Píscore ofreceron un concerto "non tan singular".
O público que asistiu a este espectáculo no Teatro Principal puido saber que pasa cando se convoca a catro grandes solistas para un único concerto.
Catro prestixiosos músicos fronte a un gran conflito: 16 baquetas e unha única marimba. Eles estaban dispostos a facela soar da maneira máis orixinal e asombrosa, o problema foi que organizarse non foi tan fácil.
Píscore e a Banda de Música de Pontevedra achegaron a mellor música e o humor nunha proposta que se encadra na liña dos grandes espectáculos que mesturan o virtuosismo musical e os ritmos coa comedia xestual, o clown e a participación do público.
O resultado? Diversión asegurada para toda a familia.