Existiu a ponte do escudo de Pontevedra?
Por Oskar Viéitez
Da vía XIX ao Tren de Alta Velocidade pasando polo Burgo, Ponte Sampaio, A Barca, Os Tirantes, pola Ponte da ría, a de Santiago, As Correntes, A Palabra, as Pasarelas ou as pontes do Gafos. Son pontes na paisaxe para a xente, vaia a pe, en coche ou en tren.
Imposible esquecer as pegadas das pontes ausentes, as que nos levan polo secular Camiño e das que non se esqueceu Colón, as que lembran símbolos, ritos, literatura oral. Unha forma de resolvelos problemas propios botando man das "enxeñeiradas". Así é a exposición "De ponte en ponte" pola que pasaron xa arredor de medio millar de persoas na primeira semana.
A fresca do claustro do convento de San Francisco acolle ata finais de mes máis de trescentas pontes, unha visión moi ampla e completa desas construcións. Non faltan nin aquelas pontes "supostas" coma a que a historiografía local presupón que existía na época romana, grazas a referencias do medievo e ao achado de miliarios.
Hoxe non quedan á vista vestixios desa construción.
Segundo os historiadores, houbo construirse para o paso dunha das vías de comunicación creadas para a vertebración do seu Imperio (en concreto a XIX), que conectaba Braga con Astorga. Ao carón dela estableceríase a vila Turoqua. Mais durante moitos séculos, o asentamento permaneceu estancado e esquecido debido á descomposición do Imperio, promotor das relacións comerciais que explicaban a súa existencia en relación á vía XIX.
A ponte iría envellecendo ata atoparse prácticamente derruída no século XII, cando se producen as condicións necesarias para o renacer da cidade, coa reactivación do comercio marítimo e terrestre. ÿ entón cando se constrúe a actual Ponte do Burgo. A localización da vella ponte non se pode determinar con exactitude, pero estímase que estaría situada augas arriba da ponte actual e a unha cota inferior, xa que na época romana o leito do río era moito menos ancho.