José Trigueros dirixe á Orquestra Sinfónica de Galicia nun novo concerto en Pontevedra
Por Redacción
O vindeiro sábado 26, ás 20 horas, terá lugar no auditorio do Pazo da Cultura un concerto que estará a cargo da Orquestra Sinfónica de Galicia baixo a dirección de José Trigueros.
Nomeado recentemente director asociado da Orquestra Sinfónica de Galicia, José Trigueros emprendeu a súa carreira como director tras unha extensa traxectoria profesional como músico de orquestra.
Durante as últimas tempadas dirixiu, entre outras, á Orquestra Ciudad de Granada, a Orquestra de Valencia, a Orquestra Sinfónica de Navarra ou a Orquestra Sinfónica das Illas Baleares. En 2016 foi seleccionado polo mestre David Zinman para unha clase maxistral xunto á prestixiosa Tonhalle Orchester de Zúric.
José Trigueros substitúe a Vladimir Fedoséyev, mestre ruso que ía dirixir á Sinfónica de Galicia neste concerto pero que, por motivos de saúde, tivo que cancelar a súa presenza.
A agrupación ofrecerá un programa co Concerto para piano e orquestra nº 2, op. 16, de Prokofiev; e a Sinfonía nº 10, op. 93, de Shostakovich. No concerto para piano de Prokofiev actuará como solista a pianista moscovita Varvara, galardoada en 2006 no Concurso Bach de Leipzig e gañadora do prestixioso Concurso Géza Anda de Zúric en 2012, feito que lle deu un impulso decisivo á súa carreira.
Este concerto está organizado pola Sociedad Filarmónica de Pontevedra en colaboración co Pazo da Cultura.
O Pazo da Cultura poñerá entradas á venda para todas aquelas persoas que non sendo socias da Sociedad Filarmónica desexen asistir. Poderán adquirir as localidades en Ataquilla.com, na Casa da Luz ou o mesmo día do concerto no despacho de billetes do Pazo. Como é habitual nos concertos sinfónicos, os socios terán entradas á súa disposición.
Relacionadas:
-
Mestres rusos protagonizan o concerto da Orquestra Sinfónica de Galicia en Pontevedra
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Músicas xacobeas, a cargo do Coro Vox Stellae, abren a tempada da Sociedad Filarmónica
Por Redacción |
-
Pontevedra acolle un concerto que rescata do olvido ás mulleres compositoras
Por Redacción |
-
Comeza a nova tempada da Sociedade Filarmónica de Pontevedra
Por Redacción |