'Con D de arte', a arte contemporánea adaptada ao público infantil
Por Redacción
Pontevedra suma un novo proxecto expositivo á súa oferta cultural. Trátase da mostra 'Con D de arte. Unha ollada infantil á Colección de Arte Afundación máis contemporánea', que este mércores presentaron a xefa da área de Cultura de Afundación, Marité Cores, e as comisarias da mostra e integrantes de Taller Aberto, África Martínez e Ana Barreiro.
Segundo a información facilitada por Afundación, a Obra Social de Abanca, trátase dunha montaxe deseñada e concibida para nenos desde un punto de vista divulgativo co fin de achegar a arte contemporánea aos máis pequenos.
O público infantil que a visite poderá coñecer os conceptos e temas presentes ao longo da Historia da arte dunha maneira lúdica e a través dunha selección de obras contemporáneas da colección de arte Afundación.
A mostra quedou aberta ao público este mércores e poderá visitarse ata o próximo 11 de xaneiro no Café Moderno Afundación. Estará aberta de luns a venres en horario de 17.30 a 20.30 horas e os sábados de 11.00 a 14.00 e de 17.30 a 20.30 horas.
A exposición comeza con Menina de Picasso e avanza cunha selección de obras contemporáneas da Colección de Arte Afundación, asinadas por artistas como Pamen Pereira, Tatiana Medal, Picasso, Saura, Álvaro Negro, Jorge Perianes ou Pilar Alonso.
O proxecto ten o obxectivo de achegar aos públicos máis novos as formas de expresión artística que lles poden resultar máis próximas, nun intento de introducilos na linguaxe visual. A través das obras desta mostra poderán establecer un vínculo entre o mundo que os rodea e a arte contemporánea, que pola súa capacidade mediadora entre artista e público, interpela á persoa receptora de maneira directa, estimulando a imaxinación e motivando pensamentos críticos que enriquecen a formación.
Máis de 1.200 alumnos de centros escolares de Pontevedra e arredores xa reservaron praza para participar. Para eles, a área Educativa de Afundación deseñou unhas didácticas complementarias para escolares de todos os tramos de idade.
Desta forma, os nenos desde Educación Infantil ata terceiro de Primaria poderán participar en 'A arte que só pequenas e pequenos logramos comprender' os escolares desde cuarto de Primaria ata segundo de ESO poderán asistir a 'Brigadas creativas' e os estudantes desde terceiro de ESO ata Bacharelato e ciclos formativos poderán gozar e aprender en 'Con D de arte'.